O Sr. Negreira fica en evidencia no seu intento de ocultar a Paco Vázquez no caso Someso
A Coruña, 26 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira fica en evidencia no seu afán por tratar de ocultar a Paco Vázquez como principal responsábel da venda ilegal do patrimonio municipal no caso Someso. Así, e malia os seus esforzos por agochar o amigo do Sr. Negreira, fracasou e tivo que admitir, a instancias dos tribunais, que Paco Vázquez era quen presidía a Xunta de Goberno Local de 2005, en que se acordou, ilegalmente, a venda de aproveitamento municipal á Xunta de Compensación, presidida por Fontenla, vinculado a negocios familiares de Paco Vázquez.
As nacionalistas lembran que a Sociedade Iglevaz, S.L. foi creada polo Sr. Fontenla no 1998, que foi administrador único até xaneiro de 2003, ano en que pasou a ser administrador solidario coa Sra. De la Iglesia, esposa do Sr. Vázquez, até 2007. O entón alcalde da Coruña acordara (co seu voto a favor na Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005, na que se procede á aprobación definitiva do proxecto de compensación) a venda de patrimonio municipal en Someso sen concurso- á Xunta de Compensación do Sector 7, presidida polo Sr. Fontenla, que era administrador da sociedade familiar Iglevaz, S.L.