O BNG insta a Autoridade Portuaria a garantir os dereitos lingüísticos do pobo
A Coruña, 23 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a lle esixir á Autoridade Portuaria que garanta os dereitos lingüísticos ás persoas, despois de que non se lle atendera unha solicitude á Asociación de Veciños e Veciñas de Oza-A Gaiteira-Os Castros por estar escrita en galego.
As nacionalistas denuncian que á hora de solicitar os trámites para atracar no peirao de Oza, a Autoridade Portuaria remitiu a asociación veciñal a unha páxina web www.ucae.es para realizar un trámite administrativo en relación á coordinación de actividades empresariais en materia de riscos laborais. A entidade veciñal enviou un correo electrónico coa solicitude e recibiu como resposta que tiña que enviar a documentación en castelán, e non en galego.
O Grupo Municipal do BNG advirte do retroceso en materia lingüística que está a sufrir a cidade da Coruña desde que goberna o Sr. Negreira, con ataques constantes á lingua, tamén por parte da Autoridade Portuaria, a grande amiga e beneficiaria das políticas do Goberno municipal.