Carril empraza o Goberno municipal a esixirlle ao Goberno central que presione a General Dynamics

Carril empraza o Goberno municipal a esixirlle ao Goberno central que presione a General Dynamics

A Coruña, 14 de marzo de 2013.- O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, insistiu esta mañá en que o Goberno municipal ten o deber de defender os postos de traballo da fábrica de armas, para o que o empraza a exirlle ao Goberno central a presionar a General Dynamics. “Existe posibilidade de presionar, directamente, a empresa, a través da implicación directa e efectiva por parte do Goberno central, nomeadamente dos Ministerios de Defensa e de Industria”, sinalou. “Tal e como está actualmente o modelo de financiamento dos programas armamentísticos, Defensa e Industria son os principais financiadores da multinacional, e, ademais, son os principais acredores”, salientou en declaracións aos medios nunha rolda de prensa.

“Entendemos que hai que presionar e que se o Ministerio de Defensa non o intervén, o Goberno central ten máis que perder que gañar”, sinalou, “porque o peche da fábrica de armas da Coruña e a súa posterior desafectación permitiría que o Concello solicitase a reversión dos terreos para evitar a especulación e para garantir a continuidade da actividade industrial, a través da implicación directa da Xunta de Galiza”.

Carril tamén subliñou a necesidade de apostar, seria e decididamente, pola diversificación, “o futuro da fábrica de armas está na diversificación, de feito, os investimentos tecnolóxicos realizados nos últimos anos están encamiñados a diversificarse cara o sector civil”.

 

Carril empraza o Goberno municipal a esixirlle ao Goberno central que presione a General Dynamics