O BNG pide dedicarlle unha praza a Elvira Bao, mestra represaliada polo franquismo
A Coruña, 12 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que atenda o rogo oral formulado no Pleno ordinario de abril polas nacionalistas para que o Concello presente unha proposta de outorgamento dunha praza a Elvira Bao Maceiras. As nacionalistas suxeriron que se denomine Praza Elvira Bao Maceiras o espazo que hoxe ten o nome de Mirador de San Roque e que se sitúe un busto cunha placa explicativa para lembrarmos esta mestra represaliada polo franquismo.
Elvira Bao Maceiras (A Coruña, 1890- A Coruña, 1971) obtivo o título de mestra elemental na Escola Normal e desenvolveu a súa actividade docentena Escola de Redes (Concello de Ares) e na Escola do Sanatorio Marítimo de Oza desde 1920 até 1936, ano en que foi nomeada directora. Participou directamente nas Irmandades da Fala da Coruña e a entidade nomeouna mestra para a escola de nenas, que nunca chegou a funcionar, das Escolas de Ensino Galego, xunto a Ánxel Casal, este mestre da escola para nenos. Tamén estivo vencellada ao Partido Galeguista e participou na Agrupación Republicana Feminina da Coruña desde a súa constitución, na Xunta de Protección de Menores e na Xunta de Beneficiencia. Ademais, promoveu a edición de contos de literatura infantil en galego.
Tras o levantamento militar de 1936, Elvira Bao pasou uns meses no cárcere e foi separada do ensino público. En 1945, tras a súa marcha de Rubine polo asedio e acoso constante que sufría, pon unha escola privada nunha casa familiar en San Roque de Fóra á que asisten os nenos e nenas da zona e na que colabora, directamentem a súa filla, Elvira Varela e o seu fillo Bernardino Varela. Precisamente, esta tarde, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica homenaxea a súa filla, que tanto colaborou na escola debido ás dificultades de visión que padecía a súa nai.