O BNG pide explicacións no Congreso pola actuación policial na concentración diante da sede do PP
A Coruña, 12 de abril de 2013.- O BNG vén de presentar unha iniciativa no Congreso dos Deputados en que lle reclama ao Goberno central explicacións polas identificacións das forzas de seguridade do Estado ás persoas que se concentraron pacificamente este martes diante da sede do PP, na rúa Sánchez Bregua. A mobilización cidadá foi convocada por Stop Desafiuzamentos, a través das redes sociais, en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular contra os despexos e a favor dación en pago.
A deputada Rosana Pérez expón na pregunta para a resposta escrita que, o pasado 9 de abril, ao pouco de se concentraren unhas setenta persoas diante da sede do PP, axentes antidisturbios cercaron a protesta pacífica polos laterais e, sen mediar palabra, comezaron a identificar as persoas, que non cometeran delito ningún, simplemente permanecían na beirarrúa, diante da sede do PP, berrando consignas. A parlamentar nacionalista denuncia a actitude desafiante dos axentes antidisturbios, que chegaron a empurrar e tirarlle do pelo a algunha das persoas concentradas que se negaban á identificación.
O BNG reivindica o lexítimo dereito do pobo a protestar e a se manifestar contra as políticas de recortes, a corrupción, os desafiuzamentos ou o escándalo das preferentes e esíxelle ao Ministerio do Interior que respecte as protestas cidadás, que representan un exercicio normal en democracia. Os problemas, advirte, adoitar acontecer pola actuación policial desproporcionada que se está a dar, e así o ten denunciado xa o BNG noutras iniciativas parlamentares. Hai un exceso de celo e un auténtico abuso e autoridade na actuación da policía, denuncia Rosana Pérez, quen critica o afán recadador na policía, porque algunhas das identificacións neste tipo de concentracións pacíficas adoitar acabar con multas que se envían aos domicilios das persoas afectadas.
Rosana Pérez pregunta se a actuación policial se debe ás novas directrices do Ministerio do Interior para amedrentar a cidadanía e para evitar que se manifeste
Neste contexto, Rosana Pérez pregúntalle ao Goberno central por que razón os axentes da policía identificaron as persoas concentradas pacificamente diante da sede do PP e a que se debe esta actuación policial cando en ningún momento houbo violencia por parte das persoas concentradas. Pregunta, tamén, se a actuación se debe ás novas directrices do Ministerio do Interior polas cada vez máis numerosas concentracións e manifestacións cívicas debido ao malestar crecente coas políticas que o PP leva a cabo.
Ademais de preguntar se non considera o Goberno central que se trata dun abuso da autoridade, a deputada do BNG interésase polos motivos que levan a policía a sancionar persoas que exercen o seu dereito constitucional a se manifestaren pacificamente na rúa e pola nova línea de Interior para amedrentar a cidadanía e evitar que se manifeste.
Denuncias en anteriores concentracións diante da sede do PP na Coruña
Non é a primeira vez que acontece algo semellante coas forzas de seguridade do Estado. E é que as persoas que se concentraron, tamén de xeito pacífico, diante da sede do PP o 11 de xullo de 2012 contra as políticas antisociais de Mariano Rajoy foron denunciadas pola policía, en base a declaracións de axentes ateigadas de erros e imprecisións.