O PP, cómplice do trato discriminatorio de General Dynamics cos traballadores da fábrica de armas
A Coruña, 12 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica o desleixo do Partido Popular na defensa dos postos de traballo da fábrica de armas da Coruña, un desleixo que demostra que non existe goberno capaz de loitar polos intereses da cidade. Así, as nacionalistas, que apostan pola diversificación da produción ao eido civil, acusan o Sr. Negreira, a Feijóo e a Rajoy de discriminar os traballadores da fábrica de armas da Coruña, de abandonalos e de camiñar da man das multinacionais e dos mercados.
Advirte o Grupo Municipal do BNG de que a privatización da empresa estatal de Santa Bárbara tivo lugar no Goberno de Aznar e, no canto de dar a cara agora polos traballadores, os responsábeis do Partido Popular dan a "espantada". Xa advertira daquela o BNG da situación precaria en que quedaría a fábrica tras a súa venda.
As nacionalistas lembran as palabras desprezativas do alcalde, cando dixo "Esto no es el Trópico"
Ademais, as nacionalistas, ven lamentábel o pouco peso político do alcalde da Coruña, quen non foi quen de impedir o peche da fábrica da Coruña. E, iso, engaden as nacionalistas, que o alcalde, nun claro desprezo aos países da periferia, sinalara que "General Dyamics no puede marcharse así después de 12 años... Esto no es el Trópico".
Tamén son críticas as nacionalistas co presidente da Xunta, ao que acusan de mirar cara outro lado malia saber que a fábrica da Coruña será a única que peche en todo o Estado. Que o centro de traballo situado en Pedralonga sexa o único que peche e que os conflitos laborais das fábricas de Palencia e de Murcia se resolveran evidencian o fracaso do Sr. Negreira e de Feijóo.