O PP tomba todas as emendas do BNG aos orzamentos xerais do Estado
A Coruña, 21 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Partido Popular tombou todas e cada unha das emendas presentadas polas nacionalistas aos orzamentos xerais do Estado para o 2014, unhas emendas encamiñadas a impulsar os sectores produtivos da comarca de cara á creación de emprego e a mellorar a seguridade ferroviaria e mais a comunicación por camiños de ferro. Deste xeito, os deputados do PP, entre eles, Juan de Dios Ruano, ex concelleiro do Goberno do Sr. Negreira, votaron en contra dos intereses da Coruña e rexeitaron a creación de postos de traballo, malia seren conscientes de que no último trimestre foron destruídos perto de 8.000 postos de traballo na cidade, segundo reflectiu a Enquisa de Poboación Activa (EPA).
O Grupo Municipal do BNG lamenta a incapacidade do Sr. Negreira á hora de pedirlle ao seu partido a corrección dos orzamentos xerais do Estado. Co rexeitamento de todas e cada unha das emendas parciais presentadas polas nacionalistas ponse de manifesto que o Sr. Negreira opta por axeonllarse aos ditados do seu partido en detrimento dos intereses da Coruña. E é que as emendas parciais do BNG aos orzamentos xerais de 2014 reclamaban cartos públicos para a imprescindíbel conexión ferroviaria do porto exterior, para a rexeneración da ría do Burgo e da zona do emisario de Bens, para o desenvolvemento do sector pesqueiro e do sector industrial, para mellorar a seguridade nos trens e para a conexión por camiños de ferro entre A Coruña e a Comarca.
O PP tamén botou abaixo unha serie de emendas do BNG para acadar unha fiscalidade máis progresiva e xusta: evitar os abusos das SICAV, estabelecer un imposto para as grandes fortunas, entre outros, como a solicitude de 15 millóns para un Plan de loita contra a fraude fiscal. O BNG lamenta que o Partido Popular opte por seguir dotando de cartos públicos á Igrexa, ao Exército e á Casa Real no canto de destinar eses fondos á unha reforma fiscal baseada na xustiza social e á reactivación da economía.
Principais emendas do BNG relativas á Coruña e tombadas polo PP
Rexeneración da ría do Burgo e da zona do emisario de Bens (dentro da emenda para a limpeza integral das rías galegas): 30 millóns de euros.
Plan de acción do sector pesqueiro galego: 10 millóns de euros
Compensación do sector pesqueiro galego polos paros obrigatorios: 5 millóns de euros
Plan de desenvolvemento industrial de Galiza: 50 millóns de euros
Conexión ferroviaria do porto exterior: 9 millóns de euros
Eixo Atlántico Ferrol-A Coruña (ferrocarril): 10 millóns de euros
Plan de mellora da seguridade ferroviaria: 30 millóns de euros
Estudo do plan para a implantación dos servizos de proximidade: 400.000 euros