Vence salienta o compromiso social, político e ético de Moncho Valcarce na defensa de Galiza
A Coruña, 1 de Febreiro 2014.- Ramón Valcárcel, o cura das Engrobas, foi homenaxeado pola agrupación do BNG do barrio coruñés de Monte Alto como cada 1 de febreiro, neste caso co portavoz nacional, Xavier Vence, como convidado a dar o discurso para honrar a este crego e político de quen salientou o seu compromiso político, social e ético insubornable na defensa de Galiza.
Foi un dos nosos, e o BNG recolle o seu legado conformando un nacionalismo activo que non se rende ante as adversidades e as dificultades cando se trata de defender este país, e por iso este recoñecemento a un dos nosos mellores referentes, salientou Vence durante a homenaxe no cemiterio de San Amaro, ao que fora referente de tantas loitas sociais e en defensa dos dereitos dos labregos e labregas.
O portavoz nacional animou a seguir adiante seguindo o exemplo de Moncho Valcárcel a todos e todas os que compartimos as súas aspiracións, batallando para que este país mude, en tempos complexos nos que estamos a vivir, dixo Vence, o peor do que puido imaxinar, como que a pobreza volva a moitos fogares ou que a corrupción se estenda, males contra os que loitou toda a súa vida.
Hoxe temos máis razóns para redobrar esforzos porque os problemas fundamentais contra os que se enfrontou seguen presentes, e os inimigos seguen a ser os mesmos de sempre, por iso recollemos o espírito de Moncho Valcárcel para continuar coa súa loita, salientou.
No acto de homenaxe, participou o grupo municipal do BNG no concello da Coruña, encabezado polo portavoz municipal, Xosé Manuel Carril, militantes, simpatizantes e numerosas persoas que quixeron expresar o seu recoñecemento a este defensor da xustiza social e do recoñecemento de Galiza a un exemplo de honestidade, honradez e de loita polos máis desfavorecidos.