O BNG mobilízase contra o espolio da colección de arte das extintas caixas de aforro
A Coruña, 2 de decembro de 2013.- O BNG da cidade da Coruña realizou esta mañá un acto simbólico diante do edificio da Fundación Caixa Galicia para reclamar a paralización da venda da colección de arte das extintas caixas de aforro, acto en que, amais de representantes da cultura, entre elas a presidenta da Federación Galiza Cultura, Pilar García Negro, participaron o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, a portavoz de Cultura do BNG no Parlamento de Galiza, Ana Pontón, as concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira e o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada.
En declaracións aos medios, Ana Pontón puxo de manifesto que o espolio da colección de arte de Caixa Galicia e de Caixa Nova é unha das consecuencias do proceso de privatización e liquidación do sistema financeiro galego. Para o BNG a venda da colección de arte xunto con Novagalicia Banco constitúe un saqueo do noso patrimonio, porque a colección de arte das caixas de aforros é de todos os galegos e galegas xa que se foi acumulando cos beneficios do aforro do pobo galego, sinalou.
A deputada do BNG salientou que a venda desta colección vai ter lugar co silencio e complicidade da Xunta e do Partido Popular, así como tamén do PSOE. Tal e como expuxo, tanto o PP como o PSOE se negaron a apoiar a proposición non de lei do BNG presentada no Parlamento de Galiza para reclamar a paralización da venda da colección de arte de Novagalicia Banco.
Imos seguir denunciando que non se pode permitir este espolio nin que as obras de arte adquiridas polas caixas grazas aos aforros dos galegos e das galegas acabe no despacho dalgunha das financeiras que vaian adquirir a colección, advertiu Ana Pontón.
A declaración da colección de arte das caixas como BIC non impide a súa venda nin que saia fóra de Galiza
Ademais, a portavoz do BNG no Parlamento en materia de Cultura criticou o engano do PP e da Xunta de Galiza ao pobo galego ao dicir que coa declaración da colección de arte das caixas como Ben de Interese Cultural salvagarda este patrimonio artístico. A Xunta iniciou a última hora a declaración como BIC das coleccións de arte, con expedientes segregados, mais esta declaración non garante a continuidade destas coleccións en Galiza nin evitan que poidan ser vendidas como consecuencia da liquidación do sistema financeiro galego, afirmou. É máis, nada limita que este patrimonio acabe fóra de Galiza, engadiu.
Por último, tanto Francisco Jorquera como Ana Pontón exixiron a paralización da venda dunha colección de arte de 1.343 pezas de arte moderna e contemporánea, tanto do ámbito da pintura, como do gravado e da escultura.
O BNG presentará unha iniciativa no Pleno de decembro para que o Concello da Coruña se manifeste en contra da venda da colección de arte das caixas
Pola súa banda, a concelleira do BNG María Xosé Bravo anunciou a presentación dun rogo oral para a sesión plenaria de decembro co fin de que o Concello da Coruña se manifeste en contra da venda da colección de arte das extintas caixas. A concelleira nacionalista pediulle ao alcalde que non se inhiba ante un espolio que lle vai afectar moi gravemente á cidade da Coruña.