O BNG oponse a que sexa o pobo quen pague o capricho do Sr. Negreira na Mariña
A Coruña, 2 de decembro de 2013.- Sobre o inicio das obras do túnel da Mariña, o Grupo Municipal do BNG lamenta que sexa o conxunto do pobo da Coruña quen teña que pagar este capricho do Sr. Negreira para favorecer os intereses urbanísticos, unha vez máis, a Autoridade Portuaria. O BNG pon de manifesto que o custo das obras do túnel da Mariña tería que ser asumido pola Autoridade Portuaria, xa que se trata dunha actuación da Autoridade Portuaria, en terreos da Autoridade Portuaria e que lle reportará beneficios urbanísticos á Autoridade Portuaria.
Precisamente, as nacionalistas xa teñen criticado que, tal e como reflicten os orzamentos municipais de 2014, o Concello da Coruña pedirá un empréstito de 11,5 millóns, dos cales 4 millóns se gastarán nas obras do túnel da Mariña. En relación co financiamento das obras, tamén teñen advertido as nacionalistas de que, alén do Concello da Coruña, non existe implicación de ningunha outra Administración para a obra da Mariña. De feito, nin os orzamentos xerais do Estado nin os orzamentos galegos recollen partida ningunha para acometer esta actuación.
O PP crea un modelo de cidade baseado na zona O Parrote-A Mariña cuns barrios periféricos excluídos e marxinados
Ademais, o Grupo Municipal do BNG critica que o PP destine o groso dos investimentos públicos, 4 millóns de euros dos orzamentos de 2014 á zona do Parrote e da Mariña, á vez que mantén no esquecemento as necesidades primarias dos barrios. É por iso que o BNG acusa o PP de crear un modelo de cidade baseado na zona O Parrote-A Mariña, con barrios periféricos excluídos e marxinados.