O BNG levará a pleno o soar abandonado de Almirante Romai
A Coruña, 2 decembro de 2014- Despois de manter unha nova reunión coa veciñanza afectada e de examinar o expediente administrativo correspondente, o Grupo Municipal do BNG levará á sesión plenaria de decembro unha iniciativa na que exixe acabar co estado de abandono do soar da praza Almirante Romai. Para isto, as nacionalistas piden, a través dun rogo oral, a declaración da caducidade da licenza por pasaren xa dez meses desde que Coprosal obtivo o dito permiso para construír. Ademais, o BNG insta o Goberno local a exixirlle á empresa a drenaxe da auga apozada e o acondicionamento do soar para evitar futuras acumulacións de auga. Só deste xeito se poderá por fin ao problema de salubridade que sofre a veciñanza.
O Bloque explica na iniciativa que os veciños e veciñas de Cidade Escolar padecen as consecuencias do abandono do citado soar, cuxa construción se atopa paralizada e que acumula unha gran cantidade de auga. Este apozamento, sinala o BNG, crea problemas de salubridade nas fincas contiguas, até o límite de os veciños e veciñas non poderen abrir as fiestras das súas casas. A situación do soar foi denunciado en varias ocasións pola veciñanza sen que até o de agora se lle dese unha solución definitiva; drenóuselle a auga algunha vez mais ao día seguinte xa volve acumular auga que vai podrecendo co tempo, salientan as nacionalistas.
O Grupo Municipal do BNG examinou o expediente administrativo e comprobou que Coprosal obtivo unha licenza para construír nese soar na Xunta de Goberno Local de 15 de marzo de 2013. A partir da recepción da notificación por parte de Coprosal, o 24 de abril de 2013, a empresa tiña 6 meses para comezar a obra e aínda non o fixo, tal e como informa o vixilante de Disciplina Urbanística até en dúas ocasións: o 3 de marzo e o 27 de xullo de 2014.