Nos tres últimos meses, o paro subiu na cidade en 741 persoas
02 dec. 2014 - 19:59

Logo de analizar os datos, o Grupo Municipal do BNG afirma que o paro volve impactar máis nas mulleres (11.522) que nos homes (10.084) e volve ser maior no sector servizos (de 216 persoas desempregadas máis que no mes de outubro, un total de 140 pertencen ao sector servizos). É significativo o aumento do paro nas persoas menores de 25 anos: mentres que no mes de outubro se incrementaba o paro en 2 persoas nesta franxa de idade, en novembro disparouse a 46 persoas.
O Grupo Municipal do BNG insiste en que os datos ofrecidos polo Servizo Público de Emprego de Galiza non contemplan o impacto da sangría da emigración nin as persoas que deixan de anotarse ás listaxes por desánimo, de modo que o paro é aínda maior do apuntado.
Empobrecemento non só das persoas que non teñen traballo, senón das que dispoñen dun emprego
Pola outra banda, as nacionalistas alertan da situación actual dos woorking poors ou traballadores empobrecidos, un termo que se refire aos empregos que se crean e que non dan apenas para subsistir. Posuír un traballo asalariado xa non é un medio capaz de protexer os e as traballadoras da pobreza. E é que a meirande parte dos postos de traballo son de mala calidade e están mal remunerados.
En relación á creación de emprego, o Grupo Municipal do BNG volve poñer de manifesto que mentres as distintas Administracións non aposten por investir os cartos públicos nos sectores produtivos non se creará emprego de calidade.