Carril sobre Alcoa: "Somos excedentarios en enerxía eléctrica e por riba péchannos empresas"
A Coruña, 3 de decembro de 2014- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, reuniuse na mañá de hoxe co Comité de Empresa da planta de Alcoa, sobre a que pesa desde o pasado luns un proceso de despedimento colectivo en base á perda de compensacións na poxa de interrumpibilidade de hai dúas semanas na que a empresa non logrou ningún lote de megavatios con incentivos. No encontro, o portavoz nacionalista fixo fincapé na necesidade de reformular todo o sistema eléctrico, co fin de que se consiga unha política tarifaria propia para Galiza que, malia ser exportadora de enerxía eléctrica e malia soportar os custes sociais e ambientais pola explotación dos seus recursos naturais, non recibe ningún tipo de compensación a cambio e, por riba, ve como pechan empresas por problemas de índole enerxética.
En rolda de prensa posterior á reunión, o portavoz nacionalista puxo de manifesto que, amais da necesidade de resolver as eivas na poxa a curto prazo, é indispensábel falar do marco regulatorio, tendo en conta os datos publicados polo Goberno central relativos ao Sistema Eléctrico Español e ao balance de enerxía eléctrica por comunidades autónomas (achégase en documento xunto á nota). Galiza, subliñou, é unha das autonomías que máis enerxía produce e, á vez, é das que menos consome. Así, en base aos últimos datos publicados, de 2013, Galiza exporta un 40% da enerxía. Explicou que de exisitir en Alcoa unha tarifa de fábrica axustada á propia realidade de abastecemento e produción de Galiza; é dicir, se houbese unha política tarifaria galega, os traballadores de Alcoa non estarían atravesando o grave problema que atravesan.
Carril preguntouse que sentido ten que as familias e as fábricas instaladas en Galiza, unha autonomía das que máis produce e das que menos consome, teñan que pagar exactamente o mesmo que o resto do Estado. Neste contexto, salientou que a solución a este problema conxuntural da planta coruñesa de Alcoa é estrutural e pasa, necesariamente, por apostar por unha política tarifaria propia. Na mesma liña, concluíu insistindo no absurdo de producirmos máis do que consumimos, pagarmos máis ca outros e pecharmos empresas por problemas de abastecemento eléctrico.
O BNG leva ao Congreso e ao Parlamento galego unha batería de iniciativas contra o despedimento colectivo da planta de Alcoa
Xosé Manuel Carril sinalou que, en resposta ás peticións dos traballadores, o BNG xa presentou no Congreso e no Parlamento galego unha batería de iniciativas para garantir a conservación dos postos de traballo na fábrica que Alcoa ten na Coruña, para solicitar a comparecencia do ministro de Industria pola poxa da enerxía para as industrias e para que se retire o actual sistema de interrumpibilidade.
Pola súa banda, os traballadores explicaron ante a Prensa que lle reclamaron ao BNG o seu apoio e que se atopan nunha situación crítica, xa que teñen menos de un mes para conseguir evitar a morte da planta que Alcoa ten na Coruña.