O BNG levará a pleno as reivindicacións do sector da dobraxe no audiovisual

O BNG levará a pleno as reivindicacións do sector da dobraxe no audiovisual

IMGP1032A Coruña, 18 de marzo de 2015- A concelleira do BNG María Xosé Bravo anuncia a presentación dunha iniciativa para o próximo pleno na que se recollerán as reivindicacións do sector da dobraxe audiovisual e na que emprazán o Sr. Negreira a se reunir tanto co representante dos e das traballadoras como das empresas que se dedican á dobraxe. Bravo, que salienta a importancia da dobraxe na normalización e no prestixio da lingua galega, advirte de que traballadores e empresas solicitaron unha reunión co alcalde a principios de febreiro e un mes despois aínda non tiveron resposta.

María Xosé Bravo, que vén de manter un encontro co representante da Asociación de Empresas de Dobraxe de Galiza (AEDOGA), Juan Ignacio Borrego Vázquez, e co representante da asociación de de actores e actrices de dobraxe en lingua galega (APRADOGA), Andrés Bellas Carballo, denuncia que hai anos a CRTVG investía en dobraxe ao redor de 4 millóns de euros, cantidade que baixou até o medio millón en 2014 e que continúa co descenso para 2015. A edila nacionalista e número 2 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas expón que están en xogo uns 400 postos de traballo e que A Coruña, con tres empresas asentadas dedicadas á dobraxe, é a cidade que se ve máis afectada polo recorte do Goberno do PP.

Bravo expón que a dobraxe en lingua galega leva desenvolvéndose en Galiza ao redor de trinta anos e que desde entón erixiuse como instrumento fundamental da normalización lingüística. De feito, sinala que a Lei de Normalización Lingüística recolle entre as obrigas da Xunta de Galiza: o fomento da produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega. Tamén fai alusión ao uso do galego dos medios o Plan Xeral de Normalización Lingüística, o propio Estatuto de Galiza e a Lei 9/2011 dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galiza. Neste sentido, a nacionalista salienta a importancia dos audiovisuais como un dos principais axentes de normalización do idioma.

O BNG denuncia os recortes da Xunta en dobraxe

Tal e como se expuxo na reunión, María Xosé Bravo denuncia os recortes da Xunta de Galiza en materia de dobraxe. Lembra que en 2011 a TVG convocou un procedemento de contratación de dobraxe cuns créditos iniciais destinados á execución por 3,4 millóns (IVE excluído). Tratábase teoricamente de fixar unha cantidade mínima para o sostemento da actividade, informa a nacionalista, que critica que o acordo non se cumpriu.

No primeiro ano da contratación o volume contratado chegou aos 3,2 millóns de euros, ao seguinte, o volume reduciuse á metade, até acadar escasamente 1,6 millóns de euros e no terceiro ano de contratación (2014) non se chegou ao medio millón de euros. Esta redución, prognostica Bravo, será maior en 2015. Neste sentido, a concelleira e candidata do BNG reivindica un mandato marco que garanta unha cantidade fixa que permita blindar o orzamento destinado á dobraxe.

O BNG levará a pleno as reivindicacións do sector da dobraxe no audiovisual