O BNG exíxelle a Fomento mudar os paneis opacos de San Cristovo das Viñas e das Rañas
A Coruña, 17 de marzo de 2015- A instancias do Grupo Municipal do BNG, Rosana Pérez, deputada do Bloque no Congreso, presentou dúas preguntas escritas dirixidas a Fomento na que empraza o Ministerio a mudar por paneis translúcidos os paneis-muro opacos instalados no acceso á AC-14 á altura de San Cristovo das Viñas e na AC-14 á altura das Rañas. A parlamentar do Bloque advirte nas iniciativas do impacto enorme destes paneis que actúan como un efecto muro sobre as vivendas da veciñanza, que se puxo en contacto co portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, para canalizar pola vía institucional o seu malestar.
Os veciños e veciñas sofren os efectos negativos duns paneis compactos que lles impidan toda visibilidade, fican gran parte do día na sombra, sen exposición solar á luz natural e co risco de padeceren problemas de habilitabilidade nas súas vivendas, por exemplo, problemas de humidade, afirma Rosana Pérez, quen asegura que o normal sería que se instalasen paneis translúcidos, que permitisen o paso da luz, como os instalados na zona do cuartel da Garda Civil e no enlace de Mesoiro.
En ambas as iniciativas, o BNG fai alusión a que tanto a veciñanza das Rañas como a de San Cristovo das Viñas xa tiveron que padecer as consecuencias das obras de acceso á cidade nos últimos anos, nomeadamente polas actuacións derivadas da execución da AC-14. Precisamente, veciños e veciñas de San Cristovo das Viñas presentaron diante de Fomento un escrito de queixa dos veciños e veciñas polo impacto dos paneis.