O BNG levará a pleno unha iniciativa para declarar A Coruña cidade libre de circos con animais
A Coruña, 12 de xullo de 2014- Coincidindo coa época estival e coa instalación de circos en barrios da cidade, o Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación en pleno dunha iniciativa co fin de declarar o Concello da Coruña libre de circos con animais, ademais de reclamar que o Concello nin autorice nin promova estas actividades.
O Grupo Municipal do BNG explica que a Lei de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade de 1983 sinala, no seu artigo 5, que se prohibe a utilización de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades que lles poidan ocasionar dano, sufrimento ou facelos obxecto de tratamento antinatural. Precisamente, a vida dos animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio, amais de ofrecer unha mensaxe educativa negativa e distorsionada do que supón a fauna silvestre.
As nacionalistas expoñen que os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da súa vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etolóxicas e naturais. O transporte destes animais en gaiolas, no que adoitan ter falta de espazo e de auga, dá lugar a denuncias que moitas veces rematan en sancións por incumprir a normativa de benestar animal. Ademais, o BNG pon de manifesto que a natureza transitoria dos circos e a vida constante de confinamento, privación de estimulación e frustración da fauna, conduce os animais a estados neuróticos e comportamentos repetitivos estereotipados impropios da súa natureza.
O Grupo Municipal do BNG salienta que en diferentes países como Canadá, Suecia ou Dinamarca e en localidades máis próximas como Betanzos, Teo, Vigo, Palma de Mallorca ou Vitoria xa se prohibiu o uso de animais en espectáculos circenses. O BNG xa presentara unha batería de preguntas para a resposta escrita neste sentido na sesión plenaria de febreiro de 2013. Na contestación do Goberno municipal ás citadas preguntas, o PP elude comprometerse coa supresión dos circos con animais na cidade da Coruña. De aí que o Bloque volva insistir en declarar o Concello libre de circos con animais.