O BNG empraza o Sr. Negreira a reformar e acondicionar a rúa Meira, con problemas de accesibilidade
A Coruña, 13 de xullo de 2014- O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar un rogo e mais unha batería de preguntas para a resposta escrita para que o Goberno do Sr. Negreira reforme e acondicione de inmediato a rúa Meira, tal e como demanda a veciñanza que se puxo en contacto co BNG. Precisamente, este grupo de veciños e veciñas recolleu ao redor de 90 sinaturas para demandar solucións aos graves problemas de accesibilidade e mobilidade que ten esta vía da Agra do Orzán.
Así, as veciñas e os veciños denuncian que as beirarrúas, duns 60 centímetros, teñen moi pouca utilidade dada a escasa dimensión e á cercanía entre os portais e os coches estacionados. O Grupo Municipal do BNG advirte nas iniciativas que resulta moi complicado saír á rúa desde o portal cun carro da compra, unha cadeira de rodas ou un carro de bebé, por non falar dunha padiola. Diante destas características que dificultan o seu uso, moitas veciñas e veciños acaban optando por empregar a calzada, que é de único sentido. Isto agrávase pola circunstancia de que se trata dunha poboación avellentada.