O BNG exixe no Parlamento a paralización da privatización do mantemento dos hospitais da Coruña
A Coruña, 31 de xaneiro de 2014.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e a portavoz parlamentar do BNG en materia de sanidade, Montse Prado, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha serie de iniciativas, entre elas, unha proposición non de lei para o debate en pleno e en comisión, co fin de exixir a paralización da privatización do servizo de mantemento e conservación de edificios, instalacións e equipos de diversos centros da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, un contrato que ascende a 30,15 millóns de euros. A privatización, tal e como denunciaron os parlamentares, aféctalles ao Hospital Teresa Herrera e o edificio anexo, ao Hospital Marítimo de Oza e o edificio anexo, o Hospital Abente y Lago (hospital, consultas externas, atención primaria e andares administrativos), o Centro de Especialidades do Ventorrillo, Lavandería da Agrela e o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
Así, Jorquera e Prado, que estiveron acompañados na rolda de prensa pola concelleira María Xosé Bravo, e polos traballadores afectados, puxeron de manifesto a necesidade de que se manteñan estes servizos dentro do sistema público. Monste Prado sinalou que a privatización deste servizo, que funcionaba perfectamente, con profesionais moi cualificados e cualificadas, con experiencia e cunha boa calidade na asistencia, suporá un aumento dos custes, ao manter o cadro de persoal propio e ao sumar o pagamento á empresa adxudicataria da privatización.
Ademais, Prado denunciou as irregularidades do prego da licitación deste concurso que supera os 30 millóns de euros. Non hai prego de penalización por incumprimento e deixa en mans da empresa cuestións tan fundamentais como a decisión sobre o persoal preciso para dar o servizo e a decisión das melloras a acometer, apuntou. Tampouco se definen os criterios de adxudicación nin os requirimentos que ten que cumprir o contratista, engadiu a nacionalista, que criticou que o prego de licitación non recolle o informe da diagnose enerxética nin o histórico de consumos e necesidades enerxéticas destes centros. Estas irregularidades levaron o BNG a solicitarlle ao Sergas toda a documentación e a realizaren unha serie de preguntas para a resposta oral e escrita.
Os parlamentares contextualizaron esta privatización dentro do desmantelamento da sanidade pública galega por parte da Xunta de Galiza. Estas privatizacións non teñen como obxectivo nin a mellora do servizo nin o aforro económico e enerxético, senón o afán do Partido Popular por entregarlle a sanidade pública galega a empresas privadas para que fagan negocio coa saúde da cidadanía, salientou Montse Prado, quen advertiu de novas privatizacións en electromedicina e en esterilización de material.
Pola súa banda, o portavoz dos traballadores e traballadoras, Roberto Carracedo, leu un breve comunicado para salientar que a privatización non supón aforro ningún e suporá a merma da calidade do servizo. Denunciou que o Sergas paga o mantemento destes centros por vía dupla: a través do servizo propio, do que formamos parte 85 traballadores e traballadoras, e a través da empresa privada. Precisamente, o BNG tamén presentou unha pregunta para saber se o Sergas vai manter os traballadores e traballadoras nos centros en que desenvolven, a día de hoxe, a súa actividade ou se van ser trasladados e trasladadas.
Jorquera exixe a dimisión da conselleira de Sanidade
Ademais de referirse ao caso concreto da privatización do servizo de mantemento e subministro, Francisco Jorquera informou de que o BNG pediu que compareza de forma urxente Feijóo no Parlamento de Galiaz para que explique o seu modelo sanitario, que leva a sanidade pública galega a unha degradación progresiva.
Tamén pediu o BNG a comparecencia urxente da conselleira de Sanidade en relación ao abuso de poder que se producir ao nomear o seu marido xefe de Cirurxía do CHUS. A este respecto, o portavoz parlamentar do BNG exixiu a dimisión da conselleira e anunciou a presentación dunha proposición non de lei en que pide o seu cese.