O BNG leva a pleno a explotación dos traballadores de Liteyca
A Coruña, 25 de abril de 2015.- A instancias dos traballadores de Liteyca, subcontrata de Telefónica que se encarga da instalacións e mantemento das redes da operadora de telecomunicacións en diversas áreas do país, o Grupo Municipal do BNG presentará na sesión plenaria deste luns unha moción contra a precarización que sofren os empregados desta empresa. Precisamente, esta semana tanto o portavoz do BNG no Concello e cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, como o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participaban na concentración dos traballadores desta subcontrata contra a explotación que padecen.
Na iniciativa, que foi elaborada cos traballadores, o BNG pide que o Concello inste o Parlamento de Galiza a exixirlle á empresa a inmediata readmisión dos dous traballadores despedidos e a execución da lexislación laboral vixente, comezando polo rigoroso cumprimento das condicións de traballo, retribucións, xornada, descansos... recollidas no convenio colectivo. Tamén avoga o Bloque pola eliminación das prácticas habituais do sector consistentes en sancións económicas e por implementar medidas de corrección para eliminar as circunstancias de explotación dos traballadores. Ademais, a moción do BNG empraza o Pleno a se solidarizar e a amosar o seu apoio aos traballadores de Liteyca e a repensar e reformular as súas políticas e relacións con Telefónica.
As nacionalistas advirten nesta moción que fronte aos beneficios das grandes empresas da comunicación, nomeadamente de Telefónica, contraponse unha explotación miserábel das persoas que realizan a maior parte do seu traballo. Esta situación precaria provocou que os traballadores de Liteyca secunden unha folga indefinida desde mediados de abril. O conflito nesta empresa xurdiu cando se lles abriu expediente a dous traballadores, un expediente que rematou no seu despedimento por falta moi grave. Para o BNG, trátase dunha medida con carácter exemplarizante e derivada do perverso sistema por puntos imposto por Telefónica ás súas contratas e subcontratas.
O Grupo Municipal do BNG explica que no sistema retributivo por puntos, Telefónica estabelece un prezo distinto por cada traballo e o persoal das subcontratas suma puntos en función do tipo de actuación que realice. Xunto a isto, Liteyca estabelece o mínimo de puntos a realizar, a partir do que o persoal comezaría a xerar produtividade, que se traduce nunha prima de produción. O perverso do sistema radica en que se nun mes os traballadores non sumam o mínimo de puntos esixido por Liteyca para xerar produtividade, quedarían a deber puntos, e se ao mes seguinte teñen puntos abondo para cobrar unha prima de produción, á cantidade a maiores que lles correspondería percibir réstase a esa débeda contraída o mes anterior.
O baixo prezo do punto que estabelece Telefónica, sinala o BNG na moción, obriga o persoal a traballar permanentemente por enriba da súa xornada laboral, para poder acadar o mínimo de produtividade que esixe Liteyca. A maiores, este sistema está pensado para que os traballadores nunca saiban cantos puntos teñen a final de mes, polo que o persoal acaba realizando xornadas leoninas para dar a produción. Ademais, chegar ou non á produción depende en gran medida das persoas que deciden que traballo vai facer cada operario, porque non todas as tarefas puntúan do mesmo xeito.
Ademais, denuncia o Bloque, Liteyca recorre á comparativa entre os traballadores que chegan á produción e os que non para tensionar as relacións e para manter a presión. Así, a modo exemplarizante, aplica despedimentos disciplinarios, como os dous casos rexistrados. A situación agrávase aínda máis porque Liteyca, a súa vez, ten subcontratadas outras dúas empresas para realizaren o labor que desenvolven os seus propios operarios. Isto tradúcese en competencia desleal, tal e como lle expuxeron os traballadores de Liteyca ao BNG.
A problemática que se vive en Liteyca é extensiva a todo o sector que traballa para Telefónica, polo baixo prezo que impón a compañía presidida por César Alierta, que ademais fomenta a competencia desleal entre as súas contratas e subcontratas para que tiren á baixa os custes dos traballos. A precarización dos traballadores das subcontratas é tal que teñen até custearse parte dos gastos de desprazamento. O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que as Administracións públicas non poden ser alleas a esta circunstancia, máxime cando a Xunta de Galiza ten destinado milleiros de euros públicos en subvencións a Telefónica para acabar coa fenda dixital.