O BNG presentará unha moción en defensa d@s traballador@s de Atento
A Coruña, 26 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG presentará no pleno ordinario que terá lugar mañá unha moción en defensa dos traballadores e traballadoras de Atento, co fin de que a empresa readmita os empregados e empregadas despedidas.
Na iniciativa, presentada a instancias dos propios traballadores e traballadoras, o BNG pide amosar o apoio do Concello da Coruña ao persoal da empresa; que Atento que readmita os traballadores e traballadoras despedidas e que se inste a Telefónica a garantir unha condicións de traballo dignas para todas as traballadoras e traballadores das súas empresas auxiliares, e nomeadamente en Atento. O BNG tamén insta o Concello a animar a veciñanza a reclamar o dereito a ser atendida en galego nos centros de chamadas, xa que esta medida permitiría a creación de 2000 empregos en Galiza.
As nacionalistas expoñen nesta moción que Atento naceu na Coruña no ano 2000, cando chegou a ter contratadas 1460 persoas. Deste xeito, era a empresa privada con máis traballadores do Concello da Coruña. Na actualidade, na sede da Coruña quedan pouco máis de 500 traballadores, cifra que segue baixando continuamente, e nunca motivada por problemas económicos nin pola calidade de atención prestada, senón polas políticas económicas rastreiras que practica a compañía, como ten denunciado o Comité de Empresa en múltiples ocasións. E é que desde o ano 2002 Atento comezou a desviar chamadas a Tanxer e Casablanca; máis tarde, ao Perú e a Colombia, de modo que foi eliminando postos de traballo na Coruña.
Até o ano 2012, a empresa Atento era propiedade de Telefónica (cunha pequena participación do BBVA). Porén, Telefónica vendeu á corporación de capital de risco Bain Capital (EUA) máis da metade da súa subcontrata e tamén lle vendeu a Atento os servizo de atención do 11822. Este número é un servizo de información á cidadanía de alta tarificación (2,03 por minuto) que vén herdado do antigo 1003 de Telefónica, número gratuíto desde as cabinas e que era atendido en galego, catalán, vasco e castelán desde A Coruña e Valencia.
Sangría constante de despedimentos
O 26 de xuño de 2014, Atento iniciou un ERE a nivel estatal, que posteriormente foi anulado pola Audiencia Nacional. En decembro de 2014 reincorporáronse ao centro de traballo da Coruña 19 dos traballadores e traballadoras despedidas nese ERE ao centro de A Coruña. O pasado 10 de abril foron despedidos 17 traballadores e traballadoras que prestaban servizo no 11822.
O Grupo Municipal do BNG sinala que o servizo que se presta desde o centro de traballo da Coruña é rendíbel, tanto pola alta tarificación das chamadas por minuto, pola altísima calidade coa que se prestaba, como pola cantidade de chamadas que se recibían no centro a diario. Con estes despedimentos, denuncia o Bloque, pérdense os postos de traballo e pérdese a atención en galego, xa que desde Valencia e Tánxer (que é onde se atende actualmente o servizo) atenden só castelán e catalán.