O BNG urxe as Administracións públicas a investigar e controlar as verteduras na ría do Burgo
A Coruña, 24 de abril de 2015.- O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, transmite as preocupacións dos portavoces do BNG na Coruña, en Culleredo, en Cambre e en Oleiros, por unha nova vertedura de hidrocarburos detectada na mañá de hoxe en Perillo. A media mañá, mariscadores que faenan na ría do Burgo informaron o BNG da vertedura que, segundo sinalaron, sae dunha tubaxe de pluviais en Perillo.
En alusión ao lamentábel estado que padece a ría do Burgo, Paulo Carballada pon de manifesto que esta nova vertedura de hidrocarburos, a segunda en 20 días, é a pinga que enche un vaso que está a rebordar. Neste contexto, urxe as Administracións públicas a investigar de inmediato o acontecido, máxime dada a frecuencia coa que se están a rexistrar este tipo de verteduras.
O responsábel comarcal do BNG critica o desleixo da Consellaría de Medio Rural e Mar, que até a data, aínda non foi quen de detectar as causas dos anteriores derrames que levaron a pechar a ría ao marisqueo- nin está a ser dilixente para localizar as persoas responsábeis desta nova vertedura. Cos medios cos que contan a Xunta e o Estado non debería ser complicado determinar a causa da vertedura, salienta o nacionalista.
Paulo Carballada lembra as numerosas iniciativas presentadas polo BNG nos concellos da comarca, no Parlamento e no Congreso para incrementar os controis na ría e para investigar a orixe das verteduras. Porén, nin os Gobernos locais, nin a Xunta de Galiza nin o Goberno central fixeron aínda nada por esclarecer os feitos e por adoptar mecanismos eficaces de control para que non volva ter lugar ningunha vertedura destas características.
Pola outra banda, Paulo Carballada transmite o apoio do BNG ao colectivo de mariscadoras e mariscadoras e dos outros recolectores para que non sufran na súa actividade estas agresións ao medio ambiente. Lembra, ao respecto, que se trata duns colectivos con ingresos cativos, que carecen dun seguro que lles cubra os peches da ría por vertedura de hidrocarburos.
Por último, o responsábel comarcal do BNG salienta que o Bloque continuará loitando tanto na rúa como en todas as institucións por lograr que o saneamento e a rexeneración integral da ría do Burgo sexa unha realidade.