O BNG leva ao pleno unha completa moción sobre a contaminación da ría

O BNG leva ao pleno unha completa moción sobre a contaminación da ría

A Coruña, 31 de marzo de 2015.- Despois de facer o propio no Parlamento, no Congreso e no Parlamento europeo e despois de que o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, presentara escritos na Autoridade Portuaria e na Fiscalía, as nacionalistas levarán á sesión plenaria de mañá unha completa moción sobre as verteduras de hidrocarburos que levaron ao peche do litoral coruñés.

A través desta proposta e na liña dos escritos formulados por Carril, a moción do BNG pide instar a Autoridade Portuaria, o Intecmar e a Xunta de Galiza a investigar dilixentemente e a tomar as medidas oportunas contra as verteduras de hidrocarburos que se veñen producindo na ría da Coruña, co fin de que non volvan ter lugar. Tamén empraza o Pleno a lle solicitar ao Goberno galego e aos concellos da comarca que insten a Fiscalía de Medio Ambiente, Patrimonio e Urbanismo de Galiza para que investigue se os feitos descritos son constitutivos ou non de responsabilidade penal por un presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

O BNG solicita axudas para o colectivo de mariscadores e mariscadoras, gravemente afectado polo feche da ría

Ademais, a través desta moción, o Grupo Municipal do BNG pretende que o Concello da Coruña inste o Goberno galego, nomeadamente a Consellaría do Medio Rural e do Mar, a habilitar as axudas ás traballadoras e traballadores do mar previstas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para paros por causas de forza maior. Lembran as nacionalistas ao respecto que o colectivo de mariscadores e mariscadoras, o máis afectado polas verteduras, leva un mes sen poder faenar. E isto, sen ningunha axuda que ampare o colectivo, que ve agravada a súa precaria situación. Neste sentido, o BNG indica que o colectivo carece dun seguro que lle cubra este tipo de incidentes alleos á súa actividade. A situación actual, sinala o Bloque, condena os mariscadores e mariscadoras a ficar sen traballo e sen ingresos. E isto, a pesar de que teñen que seguir pagando os seus impostos e as súas cotas.

A moción do BNG non esquece a necesidade de rexenerar a ría, unha reivindicación de hai décadas. Nesta liña, a iniciativa do Bloque busca emprazar a Xunta de Galiza e o Goberno central a que antes de final de ano elaboren un plan calendarizado para o saneamento integral da ría do Burgo. Insisten moito as nacionalistas na necesidade de poñer prazos de maneira oficial, dados os numerosos antecedentes de promesas falsas e falacias lanzadas polos diferentes gobernos.

 

O BNG leva ao pleno unha completa moción sobre a contaminación da ría