Nova tarifa do bus: o Concello paga de maneira dupla e a concesion enriquécese de maneira dupla

Nova tarifa do bus: o Concello paga de maneira dupla e a concesion enriquécese de maneira dupla

A Coruña, 30 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a tarifa plana aprobada esta mañá en Xunta de Goberno Local extraordinaria supón un novo golpe ás arcas municipais e un suculento negocio para a Compañía de Tranvías. Así, mentres o Concello paga de maneira dupla –asumindo as bonificacións e incrementando as subvencións á Compañía de Tranvías- a empresa concesionaria, que non asume ningunha parte das bonificacións, enriquécese de maneira dupla –mediante o suposto aumento das viaxes que implicará a tarifa plana e mediante o incremento das subvencións motivado pola perversa fórmula polinómica.

O Concello paga de maneira dupla porque, por unha banda, asume ao 100% as bonificacións e porque, pola outra banda, págalle cada ano unha millonada en subvencións á Compañía de Tranvías. Así, ás nacionalistas resúltalles un despropósito que, amais dos cartos que gasta en axudas á Compañía de Tranvías, o Concello teña que asumir de maneira íntegra o custo total das viaxes a partir da 44 viaxe (no caso das persoas usuarias do bonobús xeral) e o custo das viaxes a partir da 70 (no caso das persoas beneficiarias do bonobús social).

Pola súa banda, grazas a esta tarifa plana, a Compañía de Tranvías vai chuchar cartos municipais tamén por unha vía dupla. Amais das millonarias subvencións que recibe do Concello e que cada ano aumentan, a Compañía de Tranvías engrosará o seu negocio pola tarifa plana. Supostamente, en base á tarifa plana, fomentarase o uso do autobús, o que suporá un maior beneficio para a empresa. Deste xeito, se se cumpre o aumento de persoas usuarias que prevé o Goberno do Sr. Negreira con esta nova tarifa plana, crecerá, aínda máis, o suculento negocio da concesionaria.

Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG advirte de que as viaxes a partir da 44 –no caso do bonobús xeral- e da 70 –no caso do bonobús social- non serán de balde, fronte ao que fai ver o Partido Popular, pois pagaremos as bonificacións todas e todos nós cos cartos municipais.

Segundo o interventor, aos problemas de sustentabilidade do financiamento do bonobús, hai que sumarlle agora as dificultades de financiamento da nova tarifa plana

Para o BNG, o informe elaborado polo interventor respecto do novo sistema tarifario é moi revelador pois repara sobre as deficiencias do sistema actualmente vixente para financiar o bonobús, do que tanto se lucra a Compañía de Tranvías e que implica que cada ano teña que pagar máis o Concello da Coruña. Mais tamén repara nos problemas que a nova tarifa plana terá para o seu financiamento e cos que se dificultarán as garantías de sustentabilidade financeira para o pagamento do bonobús.

En primeiro lugar, o propio interventor pon de manifesto as actuais dificultades do modelo actual de financiamento do bonobús. Literalmente afirma, neste sentido, que xa “en el informe para el presupuesto general para el 2015... la dotación presupuestaria para el bonobús se presumía como insuficiente atendiendo al histórico del gasto efectuado. De hecho, en el año 2014 la factura del mes de noviembre quedó pendiente de imputarla presupuestariamente al no contar con dotación presupuestaria suficiente”.

En segundo lugar, no seu informe refírese ás dificultades para financiar a nova tarifa plana afirmando que “no puede acreditarse si existe crédito adecuado y suficiente que de cobertura al gasto previsto”, mentres non se proceda á modificación dos actuais orzamentos. Para o Bloque, isto pon de relevo que a medida do Sr. Negreira é puramente electoralista porque nin sequera a tiña contemplada nos orzamentos municipais para 2015.

E, en terceiro lugar, o propio interventor alerta de que os actuais problemas de financiamento do bonobús vanse ver agravados polos maiores gastos que implicará a nova medida. Literalmente, sinala o seguinte: “la previsión de no contar con crédito adecuado y suficiente para afrontar las aportaciones municipales del sistema actualmente vigente no resulta coherente... con la adopción de un nuevo acuerdo con mayores necesidades económicas para una previsión de mayor gasto público, de lo cual se hace la advertencia y salvedad oportunas”.

O BNG volve reiterar que calquera medida tendente a abaratar o custo do billete ten que implicar necesariamente a revisión previa da concesión e da tarifa polinómica

Por enésima vez, o Grupo Municipal do BNG insiste na necesidade de revisar a concesión da Compañía de Tranvías e máis da fórmula polinómica para o cálculo do billete, unha fórmula que debería contemplar o beneficio de explotación da empresa e as subvencións municipais que lle outorga o Concello. Só así, lograríamos acabar coa sangría desta concesión e impediríamos que os prezos dos billetes continuaran subindo cada ano.

 

Nova tarifa do bus: o Concello paga de maneira dupla e a concesion enriquécese de maneira dupla