O BNG leva ao Parlamento os recortes nos campamentos para persoas con discapacidade
A Coruña, 13 de xuño de 2014- A deputada do BNG Carme Adán e mais a concelleira do BNG María Xosé Bravo denunciaron esta mañá en rolda de prensa os recortes da Xunta de Galiza que padecen as persoas con alto grao de discapacidade para acceder aos campamentos de verán específicos. Acompañadas de pais de nenos de 16 e 17 anos cunha discapacidade do 99% e do 94%, as nacionalistas presentaron a batería de iniciativas rexistradas polo Bloque no Parlamento de Galiza co fin de que o Goberno do PP repoña o número de prazas, quendas, idade e localización dos campamentos de verán xeito que non diminúan respecto de 2013.
Carme Adán pediulle humanidade á conselleira de Benestar, a coruñesa Beatriz Mato, precisamente hoxe de visita co alcalde, para que non prive de campamentos os mozos e mozas con discapacidade. Este non é un problema máis, trátase dunha cuestión de humanidade, por iso lle reclamamos á conselleira que modique de oficio a convocatoria deste 2014, engadiu.
A parlamentar do BNG, que puxo de manifesto a importancia de que as persoas con discapacidade poidan contar con espazos e tempos de lecer, sinalou que nos resulta incomprensíbel que se fale sempre dos dereitos das persoas con discapacidade á vez que se adoptan recortes como este. Nesta liña, explicou que, en base á convocatoria dos campamentos, de tres espazos no 2013 Nigrán, Ourense e Gandarío (Bergondo)- pásase este ano a só dous, Nigrán e Ourense, co prexuízo que lles supón ás familias da Coruña.
Tal e como explicou María Xosé Bravo en base á exposición de motivos das iniciativas do Bloque, para as persoas cunha discapacidade superior ao 65% e para os menores de 19 da cidade, estes campamentos sufriron unha redución respecto do 2013. Estes cambios aféctanlle de xeito moi negativo aos mozos e mozas con discapacidade igual ou superior ao 65%, dado que a Xunta reduciu a idade en dous anos, pasando de 9 anos a 11 anos de idade mínima, sinalou Bravo. Pola contra, nun claro caso de discriminación, os nenos e nenas sen discapacidade si poden ir a campamentos desde os 9 anos, engadiu.
Por vez primeira, a Xunta deixa Gandarío sen o campamento específico para persoas con discapacidade menores de 19 anos
A situación máis negativa, explicaron as nacionalistas, sucede na provincia da Coruña, onde os menores de 19 anos non poden ir a Gandarío, como sempre fixeron, e terán que desprazarse a unha distancia de 180 kilómetros, a Ourense ou Nigrán. Falamos de persoas polimedicadas, cunha discapacidade superior a un 65%, salientaron.
Tamén lle lembraron á conselleira que existe unha comisión parlamentar sobre políticas de discapacidade en que as asociacións e colectivos teñen afirmado a importancia da socialización e goce do ocio da mocidade con discapacidade.
O meu fillo, de 16 anos, ten unha discapacidade do 99% e ten que deixar de ir a Gandarío para ir a Nigrán ou Ourense
A continuación, Juan García, pai dun neno de 16 anos cunha discapacidade do 99% que até o de agora asistía ao campamento de Gandarío, denunciou que con esta modificación parece que a Xunta quere complicalo máis e poñer aínda máis problemas á vida destes rapaces. Semella que queren que os nenos e nenas queden na casa, engadiu.
Pola súa banda, Jesús, pai dun neno de 17 anos cun grao de discapacidade do 94% manifestou a súa queixa dado que a distancia a Ourense é un problema engadido que lles fai perder aos pais e nais que traballan dous días de emprego para levar e recoller o fillo ou a filla amais do custo que supón o desprazamento.