A dous días de comezar a temporada de baño, a posta a punto das praias non tivo lugar
A Coruña, 13 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica que, a dous días de comezar a temporada de praias, o Goberno do Sr. Negreira aínda non adoptou as medidas oportunas para a posta a punto das praias, deixando os deberes para o derradeiro día. E isto malia que estes dous días que quedan para comezar a temporada caen en fin de semana, co que isto lles supón a efectos laborais aos operarios encargados de acometer as melloras.
Así, aínda hai areais coruñeses que non dispoñen de todas as duchas e en que non funciona o servizo de duchas. Ademais, tampouco está limpa a contorna dalgúns dos areais, como é o caso das Lapas, onde non se rozou toda a herba próxima ao areal. Esta situación está a provocar o malestar dos usuarios e usuarias da praia, algún dos cales se puxo en contacto co BNG para denunciar esta demora.