O BNG leva ao Parlamento as graves deficiencias do CEIP San Pedro de Visma
A Coruña, 12 de xuño de 2014- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e o portavoz do BNG en materia de Educación no Parlamento de Galiza, Cosme Pombo, visitaron na tarde de hoxe o CEIP San Pedro de Visma para atender as demandas da ANPA dadas as graves deficiencias deste centro. Fixérono acompañados da concelleira nacionalista Ermitas Valencia e de pais e nais do alumnado.
No transcurso da visita, os nacionalistas anunciaron que o Grupo Parlamentar do BNG rexistrará unha batería de iniciativas co fin de que a Xunta de Galiza actúe de inmediato para resolver unha situación que compromete a seguridade e a accesibilidade das crianzas e das persoas que traballan no centro. Ambos os deputados puideron comprobar o lamentábel ximnasio do CEIP, que se atopa nun soto sen saída de emerxencia e cuxa única entrada consiste nunhas escaleiras de madeira que se convertirían nun polvorín no caso de incendio.
Un centro referencia para crianzas con problemas motrices e de discapacidade cun ximnasio que semella unha carreira de obstáculos
Amais dos problemas de seguridade, os nacionalistas comprobaron o disparate que supón o feito de que o San Pedro de Vismo sexa o centro de referencia para rapaces e rapazas con problemas motrices e con discapacidade cando o ximnasio, que semella unha carreira de obstáculos, non reúne nin os requirimentos mínimos de accesibilidade nin a superficie mínima para poder moverse.
De feito, a entrada ao ximnasio só conta cunha pequena plataforma móbil na que colle só unha cadeira de rodas, de modo que os rapaces con dificultades de mobilidade que non precisan cadeira de rodas teñen que facer uso dela para poder entrar e saír do ximnasio. Esta plataforma tampouco axudaría no caso dunha evacuación.
Cuberta do patio exterior e acondicionamento do comedor
Jorquera, que en declaracións aos medios, salientou que non se pode aforrar nin en medidas de seguridade nin nos equipamentos e recursos adaptados á accesibilidade, anunciou que tamén levará ao Parlamento de Galiza as outras demandas dos pais e nais, como a necesidade de cubrir o patio exterior -que carece de cuberta e que non pode usarse nos días de chuvia- ou o acondicionamento do comedor escolar.
Pola súa banda, a concelleira Ermitas Valencia levará ao Concello da Coruña as peticións da ANPA que lle afectan ao ámbito municipal, como o amaño do acceso ao centro ou a roza da maleza que rodea o CEIP.