O BNG leva ao Parlamento as prácticas irregulares do Sr. Negreira coas subvencións de Traballo
A Coruña, 26 de marzo de 2015- O BNG vén de denunciar no Parlamento o que as nacionalistas consideran unhas prácticas irregulares do Goberno do Sr. Negreira en relación á utilización dos cartos da subvención da Consellaría de Traballo e Benestar para o programa de contratación temporal de persoas perceptoras da Risga inscritas no Servizo Público de Emprego. Tal e como denunciara o Grupo Municipal do BNG, a Xunta de Goberno Local de 6 de febreiro de 2015 aprobaba incluír na súa solicitude de subvención un servizo que debería estar a realizar a empresa adxudicataria da limpeza viaria (CESPA): a retirada de cartelaría e de pegatinas da vía pública.
Na exposición de motivos da batería de preguntas rexistradas por Francisco Jorquera, portavoz do BNG do Parlamento de Galiza, a instancias do Grupo Municipal do BNG, Jorquera sinala que a empresa CESPA recibe máis de 10 millóns de euros anuais do Concello da Coruña pola adxudicación da limpeza viaria. Malia isto, apunta, o Goberno do Sr. Negreira reforza o servizo que presta CESPA con dez peóns contratados con fondos públicos en base á subvención da Xunta de Galiza para a retirada de pegatinas e cartelaría.
O BNG advirte nas iniciativas parlamentares de que non é a primeira vez que o Goberno do Sr. Negreira emprega os cartos desta subvención para o mesmo fin. Así, o ano pasado, a Concellaría de Medio Ambiente solicitou a mesma subvención para cubrir o mesmo servizo, mais en 2014 tratábase de tres peóns e non de dez. A novidade este ano tamén é que se inclúe o plan Rúa, de modo que dez peóns acometerían tarefas recollidas no tan propagandístico plan, como ten denunciado o propio grupo municipal do BNG, engade Jorquera.
Neste contexto, o portavoz parlamentar do BNG formula preguntas orais para a resposta en Pleno e en Comisión e preguntas escritas co fin de coñecer a visión da Xunta de Galiza respecto ao uso que fai o Goberno local do Concello da Coruña das subvencións de Emprego. Jorquera pregunta se se está cubrindo a través desta subvención persoal propio de empresas e se se está cubrindo a través desta subvención a persoal propio da empresa CESPA.