O BNG solicita a retirada dos contedores da entidade Humana de terreos municipais
A Coruña, 20 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar esta maña varias iniciativas nas que solicita do Goberno municipal a retirada dun contedor de reciclaxe de roupa da entidade Humana instalado á altura do número 5 da avenida Glasgow en terreos municipais pertencentes ao espazo de encontro veciñal xestionado polo Concello da Coruña, e do que existe constancia da súa localización nesta ubicación, canto menos, desde marzo de 2014.
O Grupo Municipal do BNG presenta varias iniciativas nas que insta ao Goberno municipal a retirar os contedores de reciclaxe de roupa da entidade Humana de zonas públicas de xestión municipal
Segundo o Bloque, a ONG que aparentemente xestiona este contedor de reciclaxe, tal e como se pode observar na publicidade exterior do propio contedor, é a entidade HUMANA Fundación Pueblo para Pueblo, entidade da que desde hai anos se teñen constatado multitude de referencias á súa estreita relación coa seita dinamarquesa chamada Tvind (Regato), que nalgúns países como Alemaña e Reino Unido, e especialmente en Dinamarca, foi moi criticada como seita destrutiva.
Asemade, teñen aparecido multitude de noticias en diversos medios de comunicación e creado diversos blogs nos que se teñen denunciado as actividades, canto menos irregulares e pouco transparentes, que desenvolve Humana. Tal é o caso da páxina Tvindalert, unha web que loita contra os efectos da seita Tvind e onde se explica que nos diferentes países nos que está implantada ten tentáculos en forma de distintas ONG para conseguir financiarse, continúan denunciando as nacionalistas.
O BNG, sinala nas súas iniciativas que na Galiza un exemplo destes blogs foi calotehumana.tumblr que no 2012 procuraba informar sobre as actividades desta suposta ONG e afirmaba que os cartos obtidos das súas doazóns non chegan ao terceiro mundo senón que eran desviados para financiar a esta seita, con presuntos rexistros criminais, que operaba desde Dinamarca.
Esta entidade pertence ao entramado da seita Tvind, denunciada en varios países polas súas actividades, canto menos irregulares e pouco transparentes, e, segundo se ten denunciado en varios medios de comunicación e blogs, os cartos obtidos das súas doazóns presuntamente non chegaban ao terceiro mundo senón que eran desviados para financiar a seita con rexistros criminais que operaba desde Dinamarca sinalan as nacionalistas
Deste xeito, o Bloque sinala que desde ese ano, 2012, e incluso xa desde anos anteriores, foron distintas as administracións na Galiza e no estado as que impediron a colocación e mesmo retiraron, naqueles lugares onde estaban instalados, contedores deste entidade.
A última administración, o ano pasado, o Concello de Madrid, que conseguiu desvincularse desta entidade despois de que se destapara o lucrativo negocio que supoñía para Humana a xestión, durante case catro anos, da recollida de roupa neste municipio, abrindo nese período 16 tendas de venda de roupa de segunda man no propio concello madrileño (en total 34 en todo o conxunto do estado español) e, segundo os cálculos da Organización de Consumidores y Usuarios (OCU), só en 2012 tiveron unhas ganancias de 400.000 euros cunha inversión de apenas 15.000, sinalan as nacionalistas.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Goberno municipal proceder a retirar das dependencias municipais da avenida Glasgow núm. 5 do contedor da ONG HUMANA Fundación Pueblo para Pueblo, e de todos aqueles, se houber, en dependencias de xestión municipal pública na Coruña, así como tamén pregúntalle prazos para a retirada e solicita aclaracións sobre desde cando está autorizada a colocación deste contedor de reciclaxe de roupa nas dependencias de propiedade municipal sinaladas.