O BNG leva ao Congreso a irrupción da policía no acto sobre memoria histórica

O BNG leva ao Congreso a irrupción da policía no acto sobre memoria histórica

fotoMadrid, 11 de maio de 2015.- Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, vén de presentar unha batería de preguntas sobre o excesivo despregue policial que provocou a interrupción do acto simbólico convocado polo BNG-Asembleas Abertas sobre memoria histórica e mais a identificación do candidato nacionalista á Alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril. O único que fixo Carril, lembra Rosana Pérez na iniciativa, foi colocar un folio co nome “Fonte de Santo André” debaixo da placa que dedicada o xeneral franquista “General Mola”.

A deputada do BNG no Congreso pregúntalle ao Ministerio do Interior por que motivo axentes da policía interromperon este acto absolutamente lexítimo, pacífico e respectuoso convocado polo BNG-Asembleas Abertas en campaña electoral; por que se enviaron axentes da secreta; cal é o delito do BNG ao convocar este acto e se considera que está xustificado semellante despregue policial nun acto que só reivindicaba de maneira simbólica o cumprimento da Lei da Memoria Histórica.

Rosana Pérez tamén lle pregunta ao Goberno central nesta iniciativa por que aínda se mantén a simboloxía franquista, cando ten pensado honrar a memoria dos milleiros de persoas represaliadas e asasinadas e cando vai cumprir a Lei da Memoria Histórica. Tamén advirte de que o mantemento da simboloxía franquista é unha absoluta “vergoña”.

Na iniciativa, a deputada do Bloque considera que o Goberno central “témelle a confianza a cada instante e por iso aproba leis como a Lei Mordaza” e compara o mantemento da simboloxía franquista en Galiza, e nomeadamente na Coruña, co caso alemán. “Imaxine que pasaría en Alemaña se se dedicasen rúas, colexios ou monumentos a representantes do nazismo”, apunta.

 

O BNG leva ao Congreso a irrupción da policía no acto sobre memoria histórica