Carril: "A Política non se fai desde a ocultación e a mentira, senón desde a transparencia"
A Coruña, 11 de maio de 2015.- O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, anunciou hoxe toda unha serie de actuacións que aplicará no Concello da Coruña para, desde a ética, garantir a transparencia e o bo goberno en María Pita e acabar coa corrupción. A política non se fai desde a mentira e desde a opacidade, senón desde a verdade e a transparencia, reivindicou en declaracións aos medios nun reparto de material informativo do BNG-Asembleas Abertas no barrio do Castrillón.
Imos facer o que non fixo o PP, que pola súa opacidade foi condenado por vulneración dos dereitos fundamentais dos concelleiros do BNG, salientou. Entre as medidas que anunciou Carril, atópase a publicación na web municipal das actas e resolucións das sesións do Pleno, da Xunta de Goberno, do IMCE, do Consorcio de Turismo e do Consorcio da Música, así como as retribucións e dietas de cada membro da Corporación municipal e dos cargos eventuais e postos de libre designación e as súas retribucións. Sobre estes postos, sinalou que se farán públicos os criterios de contratación dos cargos de libre designación.
O candidato do BNG-Asembleas Abertas tamén apostou por publicar na web municipal todos os expedientes de contratos, incluídos os das entidades e organismos dependentes e os convenios e subvencións. Anunciou tamén que para garantir a independencia, as mesas de valoración das subvencións estarán formadas tan só por funcionarios municipais.
Co goberno do BNG-Asembleas Abertas a web do Concello tamén fará cada mes o grao de execución orzamentaria, a axenda diaria dos membros do Goberno municipal e dos cargos de libre designación e as queixas e suxestións, salientou Carril.
Presenza de todos os grupos políticos nas mesas de contratación
Para fomentar a transparencia, Carril anunciou que as mesas de contratación contarán coa presenza de todos os grupos políticos, ao igual que nos consellos de administración de EMALCSA e EMVSA, nos Consorcio de Turismo e no Consorcio da Música e noutros organismos con representación.
O BNG-Asembleas Abertas tamén porá a disposición da veciñanza cartas de servizo nas que se informe dos servizos que se ofertan, dos compromisos na prestación, dos trámites básicos de cada procedemento administrativo municipal, así como dos dereitos das persoas usuarias.
Código ético municipal para garantirmos a confianza no público
Ademais, Carril, co obxectivo de garantir a confianza da xente no público e de apartar os corruptos de María Pita, anunciou que o BNG-Asembleas Abertas implantará no Concello un código municipal ético e de boa conduta dos cargos públicos e do persoal eventual (imparcialidade, veracidade, responsabilidade pola xestión, transparencia e bo goberno, honestidade, desinterese subxectivo, respecto, exemplaridade...), con mecanismos de supervisión e control externos, cuxo incumprimento daría lugar á dimisión ou ao cese no cargo.
Insistiu na necesidade de que o código sexa de carácter municipal e conte con mecanismos de control externos, pois a día de hoxe, partidos como o PP, ateigado de casos de corrupción, conta cun código ético interno, do propio partido, que se incumpre de maneira reiterada.