O BNG denuncia as grandes eivas das obras da rúa Xunqueiras
A Coruña, 11 de maio de 2015.- Veciñanza de Mesoiro puxo en coñecemento do Grupo Municipal do BNG que a conexión da rúa Xunqueiras co viario de acceso desde o polígono de Pocomaco á universidade vai conlevar que transcorran vehículos por unha rúa na que nalgúns puntos tan só existe unha distancia de 2,65 metros de anchura e que carece de beirarrúas.
A rúa das Xunqueiras, na que non poden circular vehículos de emerxencia dadas as súas dimensións, quedou convertida no seu día nun calexón pola construción dun edificio na Sexta Avenida. As veciñas e os veciños desta zona de Mesoiro mostráronlles ás nacionalistas a súa preocupación por esta actuación que suporá un perigo para os peóns, xa que as súas dimensións e a carencia de beirarrúas impide o tránsito de persoas e vehículos ao mesmo tempo e solicitan que dita actuación non se leve a cabo.
As nacionalistas lembran que esta actuación está a desenvolvela o Ministerio de Fomento por encomenda do Goberno Municipal e que a conexión da rúa Xunqueiras formará parte do viario municipal. O BNG solicítalle ao Goberno Municipal que atenda as reclamacións presentadas pola veciñanza para eliminar do proxecto dita actuación.