O BNG insiste en reivindicar a música ambiental nos bares da cidade
A Coruña, 29 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou unha pregunta para a resposta escrita en que se interesa polos motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a tombar a moción presentada polas nacionalistas no Pleno ordinario de xullo para permitir a música ambiental nos estabelecementos hostaleiros do grupo 1 (bares, tabernas, café-bares, cafetarías, bodegóns, mesóns, parrilladas, xamonarías e restaurantes). O BNG levou a Pleno esta iniciativa a instancias dun grupo de hostaleiros e hostaleiras afectados por unha norma anacrónica, arbitraria e excepcional no noso país.
As nacionalistas sinalan que o artigo 49 da ordenanza medio ambiental reguladora de emisión e recepción de ruídos e vibracións estabelece, como regra xeral, que no interior dos locais onde se desenvolven as actividades do citado grupo 1 non se permitirá a instalación de aparatos de música nin vídeos musicais. Ademais, este artigo da normativa advirte de que queda prohibida a instalación e o uso de aparatos de reprodución de música no exterior dos estabelecementos suxeitos a esta ordenanza.
O Grupo Municipal do BNG recollía na súa moción unha proposta concreta de modificación desta normativa co fin de que o Goberno do Sr. Negreira permitise, por fin, a música ambiental neste tipo de locais, sempre dentro dos límites de ruído e de horarios, tal e como acontece no resto de Galiza e tal e como recollera o BNG no programa co que concorreu ás eleccións municipais.
Anteriormente, na sesión plenaria de febreiro deste ano, as nacionalistas formularan unha pregunta oral para coñecer se o Goberno do Sr. Negreira ía modificar a ordenanza para permitir a música ambiental, tal e como recollía o Partido Popular no seu programa electoral. En resposta á pregunta oral, o Goberno municipal sinalou que estaba a traballar na modificación da ordenanza para igualala á normativa do resto das cidades. Porén, no último Pleno celebrado, o rolo da maioría do PP impediu o debate da moción presentada polo BNG a instancias de hostaleiros e hostaleiras.
Multas de até 10.000 euros e mesmo ameaza de peche do local
O Grupo Municipal do BNG mantivo varios encontros con hostaleiros e hostaleiras para coñecer de primeira man como lles afecta a normativa vixente e para elaborar a moción. Nestas xuntanzas, os afectados e afectadas advertiron de sancións de até 10.000 euros e mesmo o peche do estabelecemento.
Os hostaleiros e hostaleiras ilustran a inxustiza que padecen sinalando que é coma se houber unha normativa municipal que obrigase os taxis a ter as rodas cadradas. E é que, tal e como aseguran, o uso da música ambiental nestes bares é tan necesaria como real, unha actividade absolutamente normal e inocua.