O Goberno municipal recortou ao redor do 25% no convenio entre o Concello e a Uned
A Coruña, 28 de xullo de 2013.- O Goberno do Sr. Negreira levou á pasada Xunta de Goberno Local, que tivo lugar o mércores 23 de xullo, o convenio entre o Concello da Coruña e a Uned, un convenio que ratifica a redución da partida, como xa denunciara o Grupo Municipal do BNG cando se coñeceron os orzamentos municipais de 2013.
Así, a concelleira María Xosé Bravo advirte do recorte, en só dous anos, de case o 25% na achega do Concello á universidade a distancia. E é que mentres no 2011, co anterior Goberno municipal, se dedicaban 95.000 euros ao convenio do Concello coa Uned, nos primeiros orzamentos do Partido Popular, no 2012, rebaixouse a cantidade aos 80.000 euros. Neste 2013, tal e como recolle a documentación aprobada en Xunta de Goberno Local, o convenio reduciuse aos 75.000 euros.
Recortes na Escola Municipal de Música
O mesmo aconteceu, lembra a edila do BNG, coa Escola Municipal de Música, que sufriu os recortes do PP neste 2013. Mentres que no 2011 e no 2012 se dedicaban a esta partida 304.357 euros, no 2013 a cantidade reduciuse aos 274.000 euros, un tesoirazo, denuncia, do 20%.
María Xosé Bravo advirte de que ningunha destas rebaixas no orzamento axudará a que o ensino público poida desenvolver o seu papel como ferramenta de cohesión social nin a corrixir as desigualdades sociais.