O BNG denuncia a indiferenza do Goberno municipal cos traballadores de Albada
A Coruña, 27 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a abandonar a indiferenza que mantén diante do conflito laboral que sofren os traballadores de Albada, que dada a negativa da empresa a modificar a proposta de convenio e a readmitir os despedidos, se ven abocados a iniciar mañá a folga. A empresa pretende recortar o salario dos traballadores un 25%, medida que iría acompañada por un aumento das horas de traballo. Estes recortes nos dereitos laborais dos empregados contrastan cos seguintes datos: o grupo Urbaser, ao que pertence Albada, acadou no 2011 máis de 146 millóns de euros en beneficios e Albada aumentou a facturación do canon do lixo no primeiro trimestre de 2013 en máis de 100.000 euros respecto de 2012.
As nacionalistas, que visitaron nos últimos días os traballadores acampados fronte á planta de Nostián e que participaron nas mobilizacións convocadas polo Comité de Empresa, denuncian a pasividade do Sr. Negreira diante dos problemas laborais dos traballadores desta planta, que é, salientan, unha concesión municipal. Así, o Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno do Sr. Negreira non pode desentenderse nin facerlle o xogo á empresa. Advirten as nacionalistas de que nin o alcalde nin o concelleiro de Medio Ambiente responderon á solicitude de entrevista dos representantes sindicais.
A cidadanía paga máis por un servizo, o da reciclaxe, que apenas se está a dar en Nostián, segundo denunciaron os traballadores
Tampouco respondeu o alcalde a petición do Grupo Municipal do BNG, formulada no verán de 2011, para acceder á planta de Nostián e segue a impedirlle o acceso ás auditorías económica e técnica. As nacionalistas, que só teñen coñecemento do que acontece na planta a través dos traballadores, alertan das denuncias do Comité de Empresa sobre a escasa reciclaxe que está a ter lugar na planta. Segundo os traballadores, a planta de Nostián non está a tratar correctamente os refugallos e nela apenas se recicla. E isto, a pesar de que a veciñanza da Coruña está a pagar cada vez máis por un servizo que non se está a prestar.