O BNG exíxelle a retirada inmediata da estada dos edificios 29-30-31 do Campo da Leña
A Coruña, 11 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira a retirada inmediata da estada dos edificios 29-30-31 do Campo da Leña, cuxo estado é de absoluto deterioramento e que representa un risco para a seguridade da veciñanza. Na mesma liña, as nacionalistas, que veñen participando nas mobilizacións convocadas por veciños e veciñas e por comerciantes, instan o Goberno do Sr. Negreira a acometer unha inspección municipal nos citados inmobles co fin de coñecer ao detalle o estado das cubertas e das fachadas, de cara a urxir a propietaria, a Sareb o banco malo creado con cartos públicos-, a manter os inmobles en correctas condicións. Advirte o Bloque de que a Sareb debe garantir, tamén, a conservación das fachadas por seren edificios que o PEPRI recolle como inmobles con protección ambiental.
As nacionalistas, que veñen de consultar o expediente relativo aos inmobles, explican que a estada ocupa a beirarrúa desde o 2006, ano en que Ageco Contratas S.L. solicita licenza para a ampliación e unión funcional dos inmobles. A partir de entón, dilátase o proceso e, finalmente, outórgaselle a licenza definitiva o 1 de agosto de 2008, momento en que Ageco Contratas S.L. informa o Concello de que o propietario pasa a ser Xestión de Investimentos en Alugueres S.A., de Caja España.
Non é até o 29 de novembro de 2013 cando a Xunta de Goberno Local declara a caducidade da licenza para a realización destas obras e cando lle require á propietaria que adopte as medidas de seguridade, baixo a advertencia de incoación de expediente de execución forzosa en caso de incumprimento. O 3 de xaneiro de 2014 comunícaselle ao Concello que a actual propietaria do edificio é a Sareb e o 30 de xaneiro de 2014 o Concello notifícalle á Sareb o acordo adoptado en Xunta de Goberno Local do 29 de novembro de 2013.
A 6 de agosto de 2014, a raíz dunha denuncia dun particular no Servizo de Suxestións e Reclamacións do Concello da Coruña sobre ao lamentábel situación da estada, un inspector municipal informa de que a Sareb non efectuou obra ningunha nin retirou a estada.
A arquitecta municipal sinala nun informe que se descoñece o grao de deterioramento dos inmobles
Como consecuencia das numerosas protestas de veciños e veciñas e comerciantes, a 10 de outubro de 2014 desde o Servizo Municipal de Licenzas elabórase un orzamento calculado en 9.800 euros (3.000 euros para a retirada da estada e da bandexa de protección; 1.600 euros para o acondicionamento, limpeza e remate das beirarrúas logo da desmontaxe da estada e 5.200 euros para a eliminación de elementos con risco de desprendemento e peche de ocos de fachada e cuberta)- para que a Sareb execute as obras de retirada da estada. Neste documento, a arquitecta municipal sinala que se trata dun orzamento aproximado porque non dispón de todos os datos para o seu cálculo. Advirte, tamén, de que non se orzan traballos de mantemento das cubertas e fachadas porque se descoñece o grao de deterioramento.
Os últimos datos dos que dispón o Bloque despois de ter acceso ao expediente indican que o 3 de novembro de 2014, o Concello recibe a chamada de Mapfre Multiservizos na que se comunica que a Sareb executará as obras ordenadas e pide que se lle remita o orzamento á propia Mapfre. Un día despois, o 4 de novembro de 2014, remítese por parte de Licenzas a Mapfre un correo electrónico para que, de xeito urxente, informe sobre a data de inicio das obras.