O BNG convoca unha nova asemblea aberta
A Coruña, 10 novembro de 2014- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña convoca unha nova asemblea aberta en que se proporán as bases para o vindeiro programa das eleccións municipais de maio de 2015 na Coruña e tamén as persoas que deben formar parte da candidatura que concorrerá baixo a fórmula BNG-Asembleas Abertas. O acto, que terá lugar mañá, martes, ás 20h no edificio dos sindicatos (Afonso Molina, s/n), enmárcase no proceso Construíndo futuro, que pretende erixir na Coruña unha alternativa para Galiza en clave de defensa do país, dos dereitos sociais e da soberanía dos pobos.
Así, con este novo encontro, o BNG dálle continuidade ao proceso participativo que nuns meses tivo xa 154 asembleas abertas en toda Galiza nas que asistiron arredor de 6.000 persoas, das que o 60% non eran militantes. Este proceso aberto dá resposta a unha demanda da base do nacionalismo de abrir máis canles de participación e demostra que hai unha preocupación por fortalecer o BNG e por levar unha alternativa nacionalista aos concellos deste país, co fin de loitar contra a corrupción e de favorecer que as institucións se poñan ao servizo do pobo.
O BNG da Coruña salienta que a mellor maneira de fortalecer os dereitos sociais e a democracia fronte ao secuestro sometido do bipartidismo é defender o dereito dos pobos a decidir. E é que moitos dos problemas de Galiza están vinculados á falta de soberanía. Polo tanto, o Bloque defende que un proceso democrático de base ten que basearse, precisamente, nos pobos e non en estruturas estatais caducas que, ademais, marxinan o noso país.