O medre nos orzamentos de Urbanismo responde ao crédito para financiar o dispendio da Mariña
A Coruña, 10 de novembro de 2014.- O BNG sinala que se os investimentos da Concellaría de Urbanismo para 2015 soben na área de infraestruturas é só por causa dun empréstito bancario para financiar o dispendio da Mariña e dunha doazón privada para construír o parque de San Pedro. As nacionalistas salientan, ademais, a baixada dos investimentos nas áreas de rehabilitación urbana e vivenda e de urbanismo. Tamén sinalan que os orzamentos da Concellaría de Medio Ambiente para 2015 sofren unha baixada, onde as partidas de investimento non chegan nin ao 5% da asignación económica a esta concellaría.
Investimentos na Concellaría de Urbanismo: medran as partidas de infraestruturas por causa dun empréstito bancario e dunha doazón privada, baixando nas áreas de rehabilitación urbana e vivenda e de urbanismo
Así, segundo datos transmitidos polo Goberno Local á prensa, a Concellaría de Urbanismo ten un orzamento de 55,45 millóns de euros para o 2015 (en 2014 era de 44,90 millóns de euros), de modo que ten 10,55 millóns de euros máis. Do total deste orzamento, 39,87 millóns son para investimentos, os cales están repartidos nas súas tres areas da seguinte maneira:
Estas cantidades reflicten que infraestruturas é a área que incrementa o investimento da Concellaría de Urbanismo e, por tanto, o seu orzamento. Acrecentamento que vén motivado polo empréstito que pedirá o Concello da Coruña por valor de 12.377.000 euros (total de empréstito), dos que 10.675.868,23 euros veñen para a área de infraestruturas desta concellaría co fin de pagar o dispendio das obras de Mariña. Ademais, a area de infraestruturas sobe pola doazón privada de 2,7 millóns de euros dunha fundación para construír o Parque de San Pedro de Visma.
Pola contra, esta concellaría sofre unha baixada no investimento das súas áreas de urbanismo, en máis de 1,3 millóns de euros, e de rehabilitación urbana e vivenda, en máis de 153 mil euros.
As nacionalistas sinalan que os datos certifican, por moito que o Goberno Local teime en xustificar o inxustificábel, que cáseque o 27% do investimento da Concellaría de Urbanismo (10,59 dun total de 39,87 millóns de euros) van para o dispendio das obras da Mariña, coa agravante que para o financiamento deste capricho o Concello da Coruña ten que solicitar un empréstito (e endebedarse aínda máis), para facer unha intervención innecesaria en terreos que son da Autoridade Portuaria, que debería ser quen correse con estes gastos.
Baixada nas partidas de Medio Ambiente, onde o investimento non chega ni nao 5% do total asignado a esta Concellaría
As nacionalistas tamén salientan a baixada do orzamento de Medio Ambiente que para o 2015 será inferior en 259.197 euros respecto do orzamento de 2014. Un orzamento que conta cunhas partidas para investimento que non chegan nin ao 5%, de modo que poucos investimentos se poderán esperar en materia medioambiental para que a cidade da Coruña sexa unha cidade medioambientalmente sustentábel.