O BNG exixe a reprobación da Conta Xeral da que presume o PP e que demostra a suba da presión fiscal

O BNG exixe a reprobación da Conta Xeral da que presume o PP e que demostra a suba da presión fiscal

A Coruña, 26 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG desmonta as falacias presentadas esta mañá diante da prensa polo Goberno do Sr. Negreira en relación á Conta Xeral de 2013, que o PP nos vende como unha realidade paralela que en nada ten a ver coa súa nefasta xestión económica. As nacionalistas presentaron a semana pasada a reprobación da Conta Xeral, na que, entre outras moitas cuestións, amosan as súas observacións sobre o acrecentamento da débeda e da presión fiscal.

As nacionalistas chaman a atención sobre os datos que reflicte a Conta Xeral en relación á débeda viva do Concello a 31 de decembro de 2013, que era de 78,21 millóns fronte aos 75,21 millóns do ano anterior. Esta débeda chega aos 98,86 millóns se se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado de 2008 e 2009 e supón que por cada habitante do Concello da Coruña se adebede 393,87 euros, un 1,3% máis que no 2012.

En relación ao aumento da presión fiscal, o Grupo Municipal do BNG sinala na reprobación que se incrementou un 11,8% durante o 2013, deixando un pago medio por habitante de 622,76 euros, un total de 65,64 euros máis que en 2012. Deste xeito, o BNG volve desmentir, cos datos oficiais na man, a conxelación fiscal e volve demostrar o encarecemento da vida na Coruña.

Tamén alude o Grupo Municipal do BNG aos 5,37 millóns de facturas que quedaron pendentes de aplicar ao orzamento de 2013 e aos que se refire a Conta Xeral. Estas facturas, indican as nacionalistas, non foron aboadas aos provedores en 2013 nin foron contempladas tampouco nos orzamentos de 2014.

A subvención do Concello á Compañía de Tranvías tamén forma parte da reprobación da Conta Xeral que pide o BNG. E é que as axudas á concesionaria volven subir á vez que a concesionaria volve ter beneficios, un total de 4,84 millóns (3,44 millóns despois dos impostos). As axudas, denuncia o Bloque, superan o déficit de explotación subvencionábel, que foi de 3,44 euros, de xeito que permiten acrecentar a cifra de negocios e posibilitan o incremento dos beneficios. As nacionalistas lembran que as obrigas netas recoñecidas coa Compañía de Tranvías durante o 2013 foron de 9,71 millóns.

Outro dos capítulos da reprobación que fai o Bloque ten a ver co investimento menor do orzado. Así, as nacionalistas critican que se deixaran sen gastar o 20% dos cartos destinados a cursos para formación para o emprego (un total de 187.700,63 euros sen gastar), o 35% do gasto destinado ao plan de dinamización do comercio local (277.923,79 euros sen gastar) ou o 91% do plan de dinamización comercial do Urbana C (511.021,16). Tamén chaman a atención sobre o 99% que o PP deixou sen gastar en axudas a fondo perdido para autoemprego e creación de empresas e sobre o 60% que deixou sen gastar en investimento real.

Ademais, o Bloque tamén censura que quedaran pendentes de pago 186.132,01 euros de emerxencia social e que a asistencia a dependentes teña un gasto inferior ao orzado, ao haber unhas obrigas recoñecidas netas de 4,81 millóns cando o orzado era de 6,05 millóns.

O desmesurado gasto en festas e a falta de procedementos de contratación abertos e as contas de Emalcsa, que incrementou en máis de 1 millón os beneficios por conta de encarecer o recibo da auga, tamén forman parte da reprobación presentada polo BNG. En relación a Emalcsa, as nacionalistas salientan o aumento en perto dun 500% das achegas de Emalcsa á Fundación e chama a atención sobre o saldo negativo de Emvsa, de 123.294,76 euros, motivado polas múltiples e variadas xestións de encomenda, moitas das cales non lle deberían corresponder.

Incumprimento da Lei reguladora das Facendas Locais

Ademais, o BNG pon de manifesto na reprobación que a Conta Xeral incumpre a Lei reguladora das Facendas Locais na medida en que se di que serán rendidas antes do 15 de maio do exercicio seguinte ao que correspondan. Neste caso, a memoria da Conta está asinada en maio mais non se especifica o día e existen informes dentro da Conta Xeral datados de 15 de maio.

Ademais, a lei di que a Conta será sometida antes do 1 de xuño á Comisión Especial de Contas, mais a comisión desenvolveu a súa sesión ordinaria o 8 de xuño. A lei tamén di que os concellos de máis de 50.000 habitantes teñen que achegar memoria xustificativa do custe e rendemento dos servizos públicos e unha memoria demostrativa do grao en que se teñan cumpridos os obxectivos programados. Porén, a memoria xustificativa sinala que “non hai seguimento contábel dos custes”.

 

O BNG exixe a reprobación da Conta Xeral da que presume o PP e que demostra a suba da presión fiscal