O BNG reivindica acabar coas touradas no Concello da Coruña
A Coruña, 26 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG insiste en reivindicar a supresión das touradas no Concello da Coruña, na medida en que se trata dunha verdadeira aberración á moral e ao senso máis básico de respecto e de protección dos animais e que conta co rexeitamento da inmensa maioría da poboación. As nacionalistas non admiten o gasto de 1.000 nin de 1 euro na organización dunha actividade bárbara baseada na mutilación dun ser vivo e que non ten nada a ver coa tradición galega. Así, volven pedir a fin de calquera achega municipal ás touradas e a non colaboración do Concello da Coruña na promoción e impulso da feira taurina.
O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que loite contra o desemprego coa vehemencia que ten o alcalde por organizar touradas na cidade, tendo en conta que os pregos que regulan a licitación para a adxudicación do contrato para a organización e explotación da feria taurina evidencian as facilidades que lle pon o PP ás empresas que poderían organizar as touradas. De feito, o Goberno do Sr. Negreira rebaixou un 60% o canon a pagar pola empresa, dos 2.500 euros que exixía hai tres meses, no concurso que quedou deserto, aos 1.000 euros que exixe agora.