O real decreto da barra libre nos horarios comerciais supón un golpe mortal ao pequeno comercio
A Coruña, a 26 de agosto de 2014. O Grupo Municipal do BNG volve alertar dos graves prexuízos que terá sobre o pequeno e mediano comercio a normativa que implica a liberalización dos horarios comerciais en zonas de Grande Afluencia Turística (GAT): o real decreto lei 8/2014 de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, cuxa aprobación se debaterá na comisión de Economía do Congreso este xoves. As nacionalistas denuncian a barra libre de horarios beneficia as franquicias e grandes superficies á vez que resulta un golpe de morte para o pequeno e mediano comercio.
O Grupo Municipal do BNG amósase moi crítico coa actitude cómplice do Sr. Negreira co Goberno central malia as graves consecuencias que terá esta normativa nun dos sectores económicos estratéxicos da Coruña. As nacionalistas lamentan que, mentres o PP de Vigo celebrou a exclusión desa cidade da barra libre de horarios comerciais, o Sr. Negreira se dedique a actuar de palmeiro de Rajoy diante deste real decreto salvaxe.
O BNG, a única formación que se referiu de xeito explícito ao caso da Coruña no Congreso
O Bloque Nacionalista Galego foi a única formación política que se referiu de xeito explícito no Congreso dos Deputados ao prexuízo que lle suporá á cidade da Coruña a barra libre dos horarios comerciais. De feito, só a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila pronunciou o nome da cidade que durante as intervencións no marco do debate da convalidación do Real Decreto Lei 8/2014 de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.