O BNG réndelle homenaxe a Moncho Valcarce no cemiterio de Santo Amaro
A Coruña, 31 de xaneiro de 2014.- O BNG, a través do grupo de barrio de Monte Alto, volverá lembrar a Moncho Valcarce, o crego que lle deu a man o pobo para defender os dereitos dos labregos e das labregas nas Encrobas en 1977, cando Lignitos de Meirama pretendeu expropiarlles as terras aos veciños e veciñas ao amparo dun decreto asinado por Franco en 1972. O acto de homenaxe terá lugar mañá ás 13h no cemiterio de Santo Amaro, onde, 21 anos antes, tivo lugar o seu soterramento baixo unha bandeira da patria. A conmemoración consistirá nunha ofrenda floral e contará coa intervención política de Xavier Vence, portavoz nacional do BNG.
Cada ano, o grupo de barrio en que se organiza o BNG en Monte Alto réndelle homenaxe a Moncho Valcarce, que comezou a súa militancia nacionalista na AN-PG. Chegou a ser candidato ao Senado nas eleccións do 1977 polo BN-PG, formación pola que sería concelleiro en Culleredo (formou parte da segunda Corporación como membro do BNG). O seu compromiso co país e coa defensa do pobo tamén o levou a militar no sindicalismo nacionalista desde as Comisións Labregas. A súa loita en defensa das clases populares, que o levou a ser detido en varias ocasións, non só se desenvolveu nas Encrobas, xa que participou instensamente nos conflitos sociais que de Baldaio ou en Xove, amais de nas reivindicacións dos gandeiros e gandeiras contra a cota empresarial da Seguridade Social.