O BNG exixe no Parlamento galego a prohibición do "bunkering" no porto exterior
A Coruña, 30 de xaneiro de 2014.- O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha serie de iniciativas, entre as que destaca unha proposición non de lei, co fin de que a Xunta de Galiza se dirixa ao Goberno do Estado para demandar a prohibición total das prácticas de bunkering (subministración e trasvase de combustíbel de barco a barco en fondeo, a través de buques cisterna) no porto exterior.
O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e a deputada nacionalista Carme Adán poñen de manifesto que non existen garantías medio ambientais suficientes e alertan do risco de que se produzan verteduras polos trasvase de combustíbel entre os buques cisterna, que fan de gasolineiras flotantes. Ademais, lembran que o Estado español denunciou o bunkering.
Nas iniciativas, o BNG pon de manifesto que en Punta Langosteira comeza o Lugar de Interese Comunitario (LIC) da Costa da Morte e que a día de hoxe descoñécese que tipo de autorización ten o porto exterior, que aínda non está concluído, para realizar o subministro de combustíbel de barco a barco en fondeo.
O BNG pregúntalle á Xunta se pensa adoptar algunha medida para prohibir o bunkering
Neste contexto, Jorquera e Adán formulan preguntas para a resposta oral e escrita para saber se a Xunta de Galiza ten coñecemento das prácticas de bunkering en Punta Langosteira, se o porto exterior ten algunha autorización para a realización deste tipo de prácticas, cantas operacións se levaron a cabo, que medidas pensa adoptar a Xunta de Galiza para evitar esta práctica en Punta Langosteira e se se vai dirixir ao Goberno do Estado para que prohiba o bunkering. Tamén lle pregunta o Bloque á Xunta de Galiza se considera lóxico que o Goberno español denuncie estas prácticas en Xibraltar á vez que as permite en Galiza.
Na exposición de motivos das iniciativas parlamentares, o BNG sinala que o 12 de decembro de 2013 tivo lugar a primeira operación de subministro de combustíbel en fondeo no porto exterior da Coruña. O barco Monte Arucas, de Cepsa, foi o encargado da operación de subministro de combustíbel de catro horas de duración ao mercante Siegedijk. Ademais, en xaneiro, en pleno temporal dos días 3 e 5, accederon á dársena dous mercantes para repostar.