O BNG volve á rúa contra o encarecemento do bus e para pedir a revisión da concesión
A Coruña, 29 de xaneiro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña volve saír a rúa para denunciar o encarecemento dos billetes do autobús e para reivindicar a revisión da concesión da Compañía de Tranvías, no marco dunha campaña que iniciou a semana pasada. Precisamente, esta mañá, o BNG continuou co reparto de material informativo na contorna da Praza de Pontevedra, reparto que contou coa participación do portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril.
En declaracións aos medios, Carril puxo de manifesto que, dada a concesión administrativa, a Compañía de Tranvías está a cebarse economicamente tanto por conta das persoas que vivimos na Coruña como por conta das persoas usuarias do bus. Cada ano que pasa, sinalou, a Compañía de Tranvías obtén máis beneficios por conta desta concesión. Só no último ano, a empresa recibiu 8,74 millóns en subvencións municipais e obtivo uns beneficios de 4,66 millóns.
Neste contexto, o portavoz do Grupo Municipal do BNG volveu insistir na necesidade de revisar unha concesión que carece de sentido e froito da cal o prezo do bus seguirá subindo. Así, denunciou que desde que o Partido Popular goberna no Concello da Coruña o billete xeral do bus subiu 15 céntimos, o bunobús xenérico subiu 14 céntimos e o bonobús bonobús subiu 7 céntimos.
A continuación, Carril aludiu ás deficiencias das liñas dos buses, xa que os barrios están mal comunicados e os buses sofren demoras. Neste sentido, denunciou que a suba económica non se traduce nunha mellora na calidade de prestación do servizo. Por último, tamén se referiu ás eivas das marquesiñas e mais ao estado dos autobuses que non foron renovados.