Carril insiste na necesaria intervención do Goberno central para garantir o emprego en Santa Bárbara
A Coruña, 4 de marzo de 2013.- As concelleiras do BNG apoiaron a moción conxunta presentada en apoio aos traballadores da fábrica de armas. O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, insistiu, na súa intervención, na necesaria intervención do Goberno español (PP), porque non só se trata da decisión dunha empresa. "Non é de recibo que o Goberno central se desentenda dunha empresa que o propio Goberno central, do Partido Popular, privatiza no ano 2011, a través dun procedemento que conclúe cunhas condicións de venda moi beneficiosas para General Dynamics e das que a empresa aínda se está a lucrar, 234 millóns de euros de beneficios acumulados nos últimos anos", sinalou. "E non foron tan boas condicións para os traballadores, dado que os acordos que lles interesabas nacían con data de caducidade demasiado curta", engadiu.
O portavoz nacionalista explicou que o Goberno español pode presionar a General Dynamics para evitar o peche da fábrica da Coruña, "visto o sistema de financiamento dos programas de armamento, que é resultado da colaboración entre os Ministerios de Industria e de Defensa, do que se beneficia a multinacional como contratista". Así, sinalou que Industria lles concede aos contratistas cartos en concepto de anticipos reintegrábeis e que os contratistas inician, sen custe financeiro ningún, a execución do contrato de fabricación e van facendo achegas de material ao Ministerio de Defensa, que paga por isto. Logo de que o Ministerio de Defensa inicia os pagos, os contratistas lle devolven ao Ministerio de Industria os anticipos recibidos, explicou. "Polo tanto, nada impide que o Goberno español presione e negocie como financiador e acreedor desta empresa", salientou.
O BNG aposta pola diversificación da actividade cara sectores produtivos civís
"O Goberno español ten moito que dicir", afirmou Carril, quen volveu apostar pola diversificación da actividade industrial da fábrica da Coruña cara a sectores produtivos civís, levantando vetos empresariais que non se entenden agás por razóns mercantilistas e de control de mercado.
Ademais, Carril sinalou que o propio Concello da Coruña pode presionar o Goberno central advertíndolle que pode solicitar, con éxito, a reversión dos terreos que lle cedeu no seu día ao Ministerio de Defensa para acoller a fábrica de armas, dado o incumprimento do fin da cesión. De solicitar a reversión, o Concello da Coruña evitaría vendas especulativas dos terreos polo Goberno español e faría posíbel a actividade na fábrica cun plan industrial serio, tamén coa implicación da Xunta de Galiza.
O rolo da maioría do Partido Popular impide debater as mocións presentadas polo BNG
Como vén sendo habitual, o Partido Popular tombou as tres mocións levadas a Pleno polas nacionalistas. Na primeira das mocións, as nacionalistas reclamaban que os bombeiros e bombeiras do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) do Concello da Coruña non interviñesen nin en embargos nin en desafiuzamentos. Deste xeito, sinalou Veira, evitaríanse conflitos como o que tivo lugar na rúa Padre Feijóo, o 17 de febreiro, cando se pretendeu desaloxar a Sra. Aurelia Rei da súa vivenda. Así, solicitaban que se lles comunicase aos mandos do SEIS que non atendesen as solicitudes que recibisen para forzar os accesos aos inmóbeis en casos de embargos ou desafiuzamentos e que se lles requirise ás autoridades policiais e xudiciais que se abstivesen de solicitar a intervención do SEIS nos casos de embargos e desafiuzamentos.
Noutra moción, o Grupo Municipal do BNG solicitaba a retirada da denuncia do Concello da Coruña contra os membros da Comisión de Afectados e Afectadas de Durmideiras, acusados de provocar desorde por amosar uns cartaces contra a especulación urbanística na sesión plenaria de agosto en que se aprobou, por primeira vez, provisionalmente, o Plan Xeral. Tamén reclamaba o BNG que se lle permitise ao pobo asistir con liberdade aos Plenos, que o Goberno do Sr. Negreira deixase de empregar a Policía Local para disuadir as veciñas e os veciños e que se cumprisen as disposicións do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá que permiten participar directamente a cidadanía nas reunións do Pleno.
Ao igual que aconteceu nos anteriores 25 de novembro, Día Mundial da Non Violencia contra a Muller, e 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Partido Popular non permitiu o debate das mocións presentadas con motivo do inminente 8 de marzo. Para evitar que se denunciasen en Pleno os recortes do PP en materia de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, o alcalde sacou de diante o asunto lendo un comunicado institucional que non foi acordado cos grupos municipais, un comunicado que as nacionalistas cualifican de "farsa" pola cantidade de mentiras recollidas. A moción das nacionalistas solicitaba que o Concello da Coruña desenvolvese as accións necesarias dirixidas a eliminar as desigualdades sociais e laborais que sofren as mulleres da nosa cidade, que instase o SERGAS a cubrir a praza vacante de Xinecoloxía no Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, que defendese os dereitos das mulleres e se posicionase contra a derrogación da Lei do aborto e que cumprise as medidas recollidas no II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes.