O BNG levará a Pleno unha moción para promover a banca ética
A Coruña, 2 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno ordinario de abril, que terá lugar o vindeiro luns, unha moción encamiñada a promover a banca ética, unha iniciativa de economía social e solidaria que canaliza os cartos cara a proxectos transformadores. A concelleira nacionalista Avia Veira deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa a proposta do BNG, que foi compartida con colectivos que promoven a banca ética en Galiza.
A edila do BNG explicou en rolda de prensa que as nacionalistas instarán o Pleno a apoiar a banca ética, empregando os seus servizos financeiros, con especial prioridade de estabelecer depósitos neste tipo de banca. Reclamarán, tamén, que o Concello se faga socio e cliente da banca ética galega, e como tal, abra unha conta corrente destinada á xestión de partidas de obxectivos sociais. Ademais de emprazar o Concello a formalizar convenios de colaboración para o apoio ás tarefas de artellamento destas redes cidadás, as nacionalistas pedirán que o Concello inclúa nos pregos de condicións para a adquisición de crédito ou outros servizos financeiros a exixencia ás entidades unha declaración de compromiso ético nas súas actividades, nos seus produtos financeiros, empresas ou grupos en que invistan. Por último, emprazarán o Pleno a dar a coñecer entre o pobo a filosofía e os servizos da banca ética galega.
Este tipo de banca ética non canaliza o aforro en actividades que vulneren os dereitos humanos, que especulen coa vivenda e co diñeiro, que degraden ou poñan en perigo o medioambiente, que fomenten o comercio ou as industrias das armas, sinalou Avia Veira. Hai entidades de servizos bancarios dentro da banca ética sen ningún carácter lucrativo que dan un paso máis e xorden da autoorganización de persoas e movementos sociais, afirmou, estas iniciativas, cara ás que temos que encamiñarnos, fomentan a participación activa de todos os seus asociados e asociadas e tentan facer efectivo o dereito ao crédito, incluídos aqueles sectores e persoas que amiúdo foron excluídos.
Avia Veira expresou o desexo do Grupo Municipal do BNG de que toda a Corporación apoie esta moción, máxime no momento actual de crise económica e social, onde o capitalismo impón á maior parte da humanidade a vivir por baixo do limiar da pobreza e onde as entidades bancarias son un dos piares onde se asenta o salvaxe sistema neoliberal.
Os cartos teñen que estar ao servizo do pobo, e non o pobo ao servizo dos cartos
Avia Veira, que salientou a importancia de iniciativas como a que o BNG levará a Pleno para comezar a mudar este sistema inxusto, sinalou que o pobo exixe cada vez máis unha mudanza do modelo financeiro, porque se decata de que o uso financeiro non se guía por ningún tipo de valor ético, tan só procura a rendibilidade económica que favorece, ademais, as persoas que máis teñen. Así, puxo de manifesto que nunha sociedade autenticamente democrática os cartos teñen que estar ao servizo das persoas e non as persoas ao servizo dos cartos.
A concelleira do BNG salientou que estamos a ver no noso país como se incrementa o paro, entre outras razóns, porque moitas empresas e administracións non obteñen empréstitos; ou como persoas quedan sen fogar pola imposibilidade de facer fronte aos pagos da vivenda a un prezo razoábel; ou como persoas perden os aforros polas preferentes e subordinadas. E, á vez, vemos que accionistas e inversores privados obteñen grandes beneficios, que os grandes directivos xubílanse con grandes pensións e que se inxectan importantes cantidades de diñeiro público sen ningunha transparencia para salvar bancos, engadiu.
Por último, a concelleira nacionalista cargou contra as entidades bancarias convencionais que acumulan moitísimo poder, que non teñen un funcionamento transparente nin democrático e nas que a rendibilidade económica é o único criterio. A banca convencional fomenta a existencia de paraísos fiscais e a irreal e especulativa economía financeira (accións de bolsa, seguros, divisas, inmóbeis...); promove o sobreconsumo e o endebedamento; inviste en actividades sociais e ecoloxicamente prexudiciais, así como en empresas que levan a cabo prácticas de explotación laboral; participa do accionariado das principais empresas e multinacionais incluídas armamentísticas, petroleiras, construtoras, compra de futuros - e grandes medios de comunicación e é xeneradora e beneficiaria da débeda externa dos países do Sur, insistiu. Ao BNG non lle serve este modelo neoliberal que especula coa vida do pobo, concluíu.