O BNG empraza o alcalde a mediar para que se manteña aberto o COF do Ventorrillo
A Coruña, 28 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG empraza o alcalde da Coruña a mediar coa Consellaría de Sanidade co fin de evitar o feche do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo. A xubilación do único xinecólogo do que dispuña o centro pon en risco a atención de máis de 61.000 mulleres de 37 concellos da contorna, explica a concelleira Avia Veira. A nacionalista advirte tamén de que, segundo o cadro de persoal deste COF, o Sergas comunicoulles que terán que deixar baleiras as instalacións do Ventorrillo.
Veira pon de manifesto que de pechar este COF os 37 concellos aos que lles presta servizo terían que acudir á consulta do outro COF que hai na cidade, en Orillamar, un centro que conta cun cadro de persoal mixto dependente do Sergas e do Concello da Coruña (en virtude dun convenio coa Xunta de Galiza). Actualmente, sinala a concelleira do BNG, os dous xinecólogos das instalacións de Orillamar atenden xa máis de 90.000 mulleres.
A edila nacionalista alerta de que "se o COF do Ventorrillo bota o feche, o COF de Orillamar tería que atender máis de 152.000 mulleres, de xeito que non se garantirían os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres". "É máis, segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, se tomamos en conta a poboación da cidade e das mulleres de concellos da contorna, A Coruña debería contar con, cando menos, tres centros de orientación familiar", apunta.
"Os recortes en servizos de asesoramento afectivo-sexual afectan á independencia da muller para decidir sobre o seu propio corpo e polo tanto afondan nas desigualdades de xénero que poden levar a situacións de violencia machista", advirte Veira. Ante esta situación, a concelleira do BNG sinala que o Goberno municipal ten o deber de mediar coa Xunta de Galiza e impedir o feche do COF do Ventorrillo. Para isto, anuncia que o Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno ordinario de xaneiro unha iniciativa.
Veira aposta pola necesidade de reestruturar "un sistema sanitario patriarcal e androcéntro que non está adaptado ás necesidades específicas das mulleres e por unha sanidade pública, de calidade e en igualdade".
Os COF, o primeiro paso para garantir a interrupción voluntaria do embarazo
Veira esíxelle ao Goberno municipal que actúe e que non fique de brazos cruzados ante o posíbel feche deste COF dado o desamparo en que ficarían as mulleres. "Hai que ter en conta que as mulleres que non queren ser nais son derivadas, en primeira instancia, até os COF", explica a concelleira do BNG. Engade Veira que nestes centros tamén se practican citoloxías e colocación de métodos anticonceptivos e engade que son punto de referencia das mulleres en materia afectivo-sexual, conflitos de parella e mesmo á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia de xénero.
A edila nacionalista reclama o mantemento do COF do Ventorrillo dado que "hoxe en día hai unha lista de agarda de entre tres meses e un ano, agás nos casos da primeira consulta, de carácter informativo". "Se a Xunta de Galiza fecha o COF do Ventorrillo, sería materialmente imposíbel que o COF de Orillamar atender toda a demanda, cos riscos que isto supón", sinala. Veira prevé que, en tal caso, aumentarían os embarazos non desexados.
A concelleira nacionalista lembra que tanto o BNG como Galiza Nova veñen denunciando publicamente os retrocesos en materia afectivo-sexual por culpa dos recortes do PP. "Comezaron co desmantelamento dos centros Quérote, no que Galiza era vangarda e cuxa inauguración na Coruña se fixo coa concelleira nacionalista Ermitas Valencia á fronte de Mocidade na Coruña", apunta.