Fóra de ordenación: unha proba de que o Goberno municipal non sabía que documento foi a Pleno
A Coruña, 27 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o fóra de ordenación do plan xeral é unha evidencia máis de que o Goberno do Sr. Negreira non sabía nin que documentos ía aprobar en Pleno. O propio concelleiro de Urbanismo leu uns preceptos sobre o fóra de ordenación, mais non leu precisamente o que lle tombou a Xunta de Galiza ao Goberno municipal, de modo que aludiu ao que non se correspondía co PXOM que foi, finalmente, a Pleno. Nin sequera o propio edil de Urbanismo sabía o que se ía aprobar, sinalan os nacionalistas.
Así, mentres o PXOM aprobado provisionalmente en agosto permitía que un edificio con alturas de máis puider ser substituído por outro igual, coa conservación do volume e das plantas en caso de levantar un novo inmoble, o Plan Xeral aprobado onte en Pleno non o autoriza. Deste xeito, non se consolida a edificabilidade dos edificios xa existentes. E isto é porque a Xunta de Galiza lle rexeitou ao Sr. Negreira a súa proposta relativa ao fóra de ordenación. Incorporados os cambios introducidos pola Xunta no documento final, e tal e como tivo que exporlle o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, ao concelleiro de Urbanismo na sesión plenaria, o PXOM aprobado "obriga a que, en caso de substitución dun edificio por outro novo, teña o número de plantas segundo o ancho da rúa".
O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Sr. Negreira que lle explique á cidadanía que tanto intoxicou o fóra de ordenación que recolle o plan xeral aprobado, en solitario, polo PP. Os nacionalistas salientan que a utilización perversa e demagóxica do fóra de ordenación por parte do Sr. Negreira cando estaba na oposición fica agora en evidencia. Así, ao contrario do afirmado polo PP durante os últimos anos e onte mesmo, a edificabilidade dos edificios existentes non se conserva, xa que en caso de substitución o novo edificio debe axustarse ás alturas que determina a norma zonal 2, determinadas en función do ancho da rúa. Neste contexto, os nacionalistas pregúntanlle ao Goberno municipal que lle vai dicir agora aos milleiros de veciños e veciñas que tratou de enganar o PP co fóra de ordenación e que vai inventar agora o Sr. Negreira para ocultar que o PXOM aprobado en Pleno fixa que hai edificios que "superan" as alturas da norma zonal e que as condicións edificatorias non son as mesmas que os edificios que cumpren.