O BNG propón que o Goberno local informe a cidadanía do aprobado sobre o fóra de ordenación
A Coruña, 29 de decembro de 2012.- Dado que o Goberno municipal vai remitir contestación ás alegacións presentadas polos veciños e veciñas ao Plan Xeral respecto do fóra de ordenación, o Grupo Municipal do BNG proponlle ao Sr. Negreira que lles envíe, tamén, a redacción do aprobado en Pleno. Deste xeito, as persoas que presentaron no seu día alegacións contra o fóra do ordenación terán coñecemento do que realmente aprobou o Partido Popular en solitario e poidan saber, así, estes tres aspectos:
Primeiro, que o PXOM diferencia as obras autorizábeis en edificios que cumpren cos parámetros (alturas, volume e forma dos edificios) daqueles outros que as superan. Segundo, que o PXOM non mantén a edificabilidade dos edificios existentes, xa que en caso de substitución os edificios que non cumpren coas alturas da ordenación deberán axustarse a ela. E, terceiro, que o réxime das obras autorizábeis nos edificios que superan as alturas é substancialmente o mesmo que para os edificios en situación de fóra de ordenación (agás no referido ás obras de reestruturación).
Por último, o Grupo Municipal do BNG propón que o Goberno municipal estenda esta explicación institucional ao conxunto da cidadanía, despois da campaña demagóxica, de difamacións e mentiras que desenvolveu o PP cando ocupaba a oposición.