O BNG denunciará en Europa as descargas de carbón, a ceo aberto no porto da Coruña
Santiago de Compostela, 11 de agosto, 2014. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda presentará unha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre o incumprimento no control das descargas no porto de A Coruña.
Tras manter unha xuntanza coa directiva da Asociación Oza-Gaiteira-Os Castros, na que tamén participou a concelleira do BNG, María Xosé Bravo, Miranda anunciou que fará efectiva a denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre o problema de control das descargas de carbón e graneis, a ceo aberto no Porto de A Coruña.
A nacionalista manifestou que as descargas de sustancias e produtos constitúen un risco obxectivo na saúde humana e o recursos naturais. Esta actividade, abondou, realízase moi frecuentemente a ceo aberto e non cumpre os protocolos de protección da saúde necesarios, como xa denunciou en reiteradas ocasións o Grupo Municipal do BNG no concello.
Por outra parte, as descargas de carbón e sustancias a granel no porto coruñés triplicáronse no último ano nun 20%, cun total de 1.157.294 toneladas e o feito de que se triplicaran estas descargas non foi acompañado de novas medidas de corrección nin de protección.
A voceira nacionalista no Parlamento Europeo considera que non se trata só dun tema local e denuncia a permisividade do PP no control da saúde e medio ambiente que comparou coa contaminación das Rías galegas, que por un afán exclusivo de negocio, relega a protección da saúde e da calidade de vida a un segundo termo. A nacionalista afirma que se está a incumprir a Directiva 2008/50/CE de calidade do aire motivo polo que xa foi apercibido o Estado español como paso previo a un procedemento de infracción no Tribunal de Xustiza de Luxemburgo.
As partículas contaminantes procedentes das descargas a ceo aberto no Porto de A Coruña transmítense con moita facilidade polo vento e son os principais xeradores de contaminación ambiental do porto, superando mesmo os valores admitidos e medicións realizados polo tanto concello e Autoridade Portuaria. Esas medicións, denuncia o BNG, non son suficientes, pois deberían realizarse inspeccións sobre as descargas e graneis. Estas descargas están provocando recorrentes e frecuentes problemas respiratorios na veciñanza de Os Castros e problemas de contaminación na calidade do ar. Nos últimos meses, foron moitos casos de veciñanza afectada por algún tipo de patoloxía de tipo alérxica e afección do aparato respiratorio, afirma Ana Miranda.
O BNG vai levar a Bruxelas a denuncia da Asociación Oza-Gaiteira-Os Castros, co fin de facer cumprir ás autoridades competentes, a normativa de protección nun porto considerado Porto Nodal da Unión Europea que recibirá finanzamento por este motivo.
A portavoz do BNG en Europa esixirá que as medidas correctivas contra a contaminación sexan tamén aplicadas no resto dos portos galegos.