O BNG denuncia o desleixo do Goberno do Sr. Negreira ante os incumprimentos da ordenanza de terrazas

O BNG denuncia o desleixo do Goberno do Sr. Negreira ante os incumprimentos da ordenanza de terrazas

A Coruña, 10 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira eluda aplicar a ordenanza que regula a instalación de terrazas en uso público e que foi aprobada, precisamente, só cos votos do Partido Popular. O desleixo do Goberno do Sr. Negreira evidénciase na falta de inspección e control dunha normativa que as nacionalistas sinalaron desde un principio que estaba ateigada de indefinicións, flexibilidades e excepcións que daban lugar a arbitrariedades.

O Grupo Municipal do BNG salienta os problemas de accesibilidade derivados do desleixo do Goberno do Sr. Negreira á hora de adoptar mecanismos que obriguen ao cumprimento da ordenanza. As nacionalistas denuncian que, nomeadamente, nas rúas do centro da cidade, non se aplican os criterios da accesibilidade universal. E non é algo que critique só o BNG, calquera persoa pode comprobar que transitar por estas rúas se equipara máis coa modalidade de slalom de esquí que cun paseo, conlevando dificultades para o acceso de servizos de emerxencias e para as persoas con problemas de mobilidade. Así, existen casos de terrazas que mesmo chegan a ocupar o espazo das beirarrúas inmediatamente posterior aos pasos de peóns.

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG tamén advirte que un ano e medio despois da aprobación da ordenanza, segue a darse unha notoria falta de criterio en relación á instalación das terrazas en rúas peonís, pois mentres nalgúns casos as terrazas están situadas no eixo da rúa, noutros casos, están pegadas ás fachadas. O exemplo máis evidente ten lugar na rúa Barcelona, onde poden distinguirse ambas as modalidades de colocación.

O Grupo Municipal do BNG sinala tamén do incumprimento da prohibición de empregar a vía pública como almacén ou amontoamento de mobiliario, aínda que se efectúe dentro do espazo autorizado. Aínda a estas alturas hai locais que deixan terrazas instaladas ou recollidas no espazo público fóra do horario de apertura a pesar de que a normativa o impide. Ademais as nacionalistas denuncian o florecemento de cerramentos laterais e ancoraxes que incumpren totalmente a normativa.

Veda aberta ás terrazas con cerramento estábel

A dilación do Goberno do Sr. Negreira á hora de facer cumprir a ordenanza contrasta coa axilidade á hora de abrirlle a veda ás terrazas de cerramento estábel, coas primeiras licenzas de instalación xa concedidas. Precisamente, as terrazas con este tipo de cerramento constituíran unha das alegacións presentadas polo BNG á ordenanza de terrazas, ao consideraren as nacionalistas que deberían ser suprimidas.

O Grupo Municipal do BNG xa tiña denunciada a arbitrariedade á que poderían dar lugar as condicións para a instalación de terrazas de pechamento estábel e xa criticara que a ordenanza permitise a instalación destas terrazas en prazas e rúas peonís. E é que a ordenanza permite terrazas de cerramento estábel definidas como aquelas compostas por elementos fixos e móbiles, pero, en todo caso, facilmente desmontábeis, pechada no seu perímetro, en todo ou en parte, e/ou cuberta. Así mesmo, a ordenanza municipal recolle que é o servizo municipal quen autorizará este tipo de terrazas, previa valoración técnica do proxecto presentado, de acordo coas condicións específicas que se indiquen en cada suposto polos servizos técnicos municipais.

O BNG denuncia o desleixo do Goberno do Sr. Negreira ante os incumprimentos da ordenanza de terrazas